Skip to main content

O desafío europeo

O desafío europeo

Artigo de Opinión de Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, sobre o futuro da Unión Europea

O futuro de Europa deberá ir da man dun potente sector audiovisual propio. Na medida en que sexamos capaces de desenvolvelo estaremos nas condicións de transmitir as mensaxes de interese para a supervivencia da Unión. Europa, polo tanto, debe ser quen de desenrolar as plataformas globais nas que encaixar aos distintos operadores estatais actuais e, de non ser así, todos corren o risco de acabar sendo un canle máis  perdida na xigantesca oferta de contidos que emanen das principais plataformas globais, hoxe por hoxe, maioritariamente de capital estadounidense.
Non conseguir ter unha grande plataforma europea sería na práctica perder o control sobre a relevancia e posicionamento das actuais canles nun mercado mundial o que, a medio prazo, podería supoñer a súa desaparición, sendo remprazadas ou absorbidas por réplicas de ofertas mixtas americanas e asiáticas.
Nun futuro –xa presente- no que a televisión como ate o de agora entendida vai desaparecer para converterse nun servizo mais de demanda online, seguirá a ser imprescindible a especialización para marcar a ruta á supervivencia. Neste contexto de especialización, as operadoras como a Televisión e Radio públicas de Galicia, que teñen como razón fundacional a defensa dunha lingua propia e fornecer a súa cultura, contarán cunha vantaxe importante.
Xa estamos nun mundo no que as distancias espaciais informativas non existen. Desde España ou Francia enterámonos á mesma vez do que pasa en Australia, por exemplo, e en tempo real. Polo tanto, ese non vai ser o elemento diferenciador das nosas ofertas. O que nos fará distintos será contarlle a todo o planeta o que pasa preto das nosas casas, onde só nós podemos chegar, e que esa información xenere o interese suficiente para que poida ser seguido en calquera lugar do planeta. Debemos procurar ser relevantes. Os perigos son enormes se non conseguimos crear un potente marco europeo, pero, de acadalo, a recompensa será acorde aos riscos. Isto acentúase no caso dos operadores rexionais, porque a nivel de impacto –que non identitario- o de “rexional” é un adxectivo que debemos desterrar. Xa non somos nin seremos operadores rexionais. Seremos canais que emiten desde una rexión pero os nosos sinais non acaban nos límites xeográficos. Temos que abordar o futuro dunha forma moito máis atrevida que o ate o de agora.
Neste novo contexto é inevitable pasar dun mercado focalizado a un mercado sen límites, mundial, coas súas ameazas pero tamén coas súas vantaxes. A nosa mensaxe pode impactar en calquera parte do globo, e calquera parte do planeta é susceptible de ser suxeito de novas relacións comerciais.
Caen as fronteiras sen perder en moitos casos a identidade e debemos de pensar en proxectos de longo alcance. Temos capacidade tecnolóxica,  capacidade humana e o coñecemento para conseguilo. É o momento de que o sector audiovisual de Europa estea á altura do desafío que ten por diante.