Skip to main content

O comandante da ”Galiza” e a monarquía do norte

O comandante da ”Galiza” e a monarquía do norte

Artículo de Aureliano G. González-Llanos, economista pola USC. O artículo foi publicado orixinalmente no número 221 da revista GRIAL

O propósito deste artigo non é contar a Historia destes feitos, da que existe una abundante bibliografía editada sobre todo en Portugal, senón aproveitar o seu centenario para lembrarlos rescatando o papel que a “Galiza” tivo no seu desenvolvemento. As andanzas e estadías na nosa terra do capitán Henrique Mitchell Paiva Couceiro, HPC, como lle gustaba asinar a súa correspondencia, actor principal naqueles feitos, é o fío conductor que percorre estes tempos revoltos. Foi coñecido pola prensa da época como “o paladino” da causa monárquica; ou tamén como “o comandante da Galiza”. En palabras de PULIDO VALENTE, (2006) “Foi de facto pela força do carácter e pela violência da fé que ele impressionou generações de portugueses. O que não surpreende tratandose de duas qualidades tão raras em Portugal” .

A I República en Portugal: un periodo de crise e turbulencias
A historiografía deste periodo salienta a inestabilidade como a principal característica dos gobernos da I República en Portugal. Nos 16 anos que transcorren entre a súa proclamación o 5 de outubro de 1910 e o golpe que instala o Estado Novo houbo en Portugal 46 gobernos e 29 intentos revolucionarios, sete parlamentos, nove xefes de estado e máis de 40 ministros. Datos que convertiron á Primeira República no réxime parlamentario máis inestable da Europa. A análise máis polo miúdo das distintas forzas políticas e dos conflictos sociais queda fóra do ámbito deste relato, mais pode atoparse na bibliografía existente sobre este periodo.
Dende o século XII, cando Afonso Henriques declarou a independencia do territorio do Condado portucalense do Reyno de León, a monarquía foi a forma de goberno ata a revolución do 5 de outubro de 1910 que instaurou a República. Esa data estivo na orixe da Causa Monárquica e no inicio das incursións dos paivanes . Un rápido triunfo nos enfrontamentos nas rúas de Lisboa e a fuxida do Rei Manuel II facilitaron a formación do primeiro goberno republicano e seguramente evitaron unha sangrienta guerra civil. Presidido por Teófilo Braga o gobernó, provisorio ata o 28 de maio de 1911, cando se conforma a Asamblea Constituínte, púxose a traballar arreo na axenda dos grandes desafíos que tiña por diante: secularización da vida portuguesa coa separación igrexa-estado, plan de alfabetización para unha poboación cunha taxa de analfabetismo do 70%, creación dunha base industrial e un rápido recoñecemento internacional. En definitiva, un programa de rexeneración e modernización das vellas estructuras e institucións da Monarquía Constitucional de 1826, que era o que precisaba a crecente burguesía industrial e cidadá, para levar a cabo o seu proxecto transformador.
Os primeiros anos do século XX e ata o inicio da Primeira Guerra Mundial, periodo que Eric Hobsbawam chama a Era do Imperio foi testemuña dunha época nomeadamente axitada e chea de contradiccións. De grandes progresos na ciencia e na tecnoloxía que facilitarían o benestar da vida cotiá: enerxía eléctrica, automóbil, teléfono e substitución da vela polo vapor como propulsión no trafico marítimo… A irrupción das masas na vida social e política: sindicatos, partidos políticos e ampliación da base electoral das democracias, traduciuse nun aumento da conflictividade social que tivo a súa expresión máis destacable na Revolución Rusa. Foi tamén unha época dunha gran vitalidade na creación e difusión da cultura: xornais, publicidade, cine, música, etc. Baixo a etiqueta do Modernismo, Portugal vive tamén uns anos de esplendor na súa creación literaria e artística arredor da revista Orpheu, con figuras como José de Almada Negreiros, Fernando Pessoa ou Mario de Sá-Carneiro.
Nesta contorna de efervescencia política e social, moitos serían os atrancos que se interpuñan no camiño para cumprir o seu programa revolucionario. Os partidos republicanos non só estaban profundamente divididos, senón que carecían de cadros capacitados para exercer as súas competencias. O elevado nivel de analfabetismo da poboación rural deixaba nas mans da burguesía urbana o control dos gobernos e da administración. De tal xeito que o esencial das elites político-administrativas e a maioría dos altos mandos do exército, xuíces e maxistrados, así como dos cadros do funcionariado e do corpo diplomático procedían da monarquía e dos anos do rotativismo. Por máis que desexasen sustituílos, non podían, malia o seu rancio conservadorismo e profunda animadversión ás novas institucións republicanas. Nin tiñan persoal capacitado para os substítuir nin a forza suficiente para facelo. Favorecido polo clima de inestabilidade política e os graves enfrontamentos sociais así como o malestar que despertaron as radicais medidas de secularización, esta infiltración das elites monárquicas foi mesmo aumentando co paso do tempo.
Para o novo Goberno, o Heróe de Bailundo en Mozambique (1894-1896) e Gobernador de Angola (xullo 1906-xuño1909), o caso do Capitán Henrique Paiva Couceiro requería dun tratamento singular dada a súa gran popularidade entre a poboación civil e o prestixio acadado nas colonias entre a milicia. Unha sona que se viu acrecentada pola súa resistencia aquela mañá do 4 de outubro 1910 nas rúas de Lisboa na defensa da Monarquía. Ó mando do Grupo a Cavalo de Queluz, resistiu en solitario loitando contra os republicanos de Machado Santos na praza Rotunda , mentres que o resto do alto mando xa se rendera. Segundo a lenda negouse a asinar a rendición co resto de oficiais e foi en busca do deposto rei. Cando chegou a Sintra, João Coutinho Azevedo informoulle que xa se embarcara rumbo a Vigo por Ericeira. Semellantes atributos convertérano nunha peza fundamental para atraer aos militares para a causa republicana. Por iso o novo goberno louvou dende o primeiro momento os seus méritos e heroísmo, agardando “fazer-lhe unha ponte para o novo regime adquirir-se, para fins de propaganda, aquele que passava pelo único monárquico fiel”
Era evidente que non o coñecían ben. A súa resposta non se fixo agardar. Despois de rexeitar a oferta do novo Ministro da Guerra, Correia Barreto, presenta a súa dimisión tres días despois, acompañada dun documento no que se manifesta “disposto a reconhecer as instituções que o povo reconhecesse”. Nos cinco meses que seguiron aquela entrevista Couceiro foi testigo da rápida radicalización da Republica. Da impunidade coa que a carbonaria actuaba contra os sospeitosos de simpatizar co rei; da queima dos xornais monárquicos Correio da Manhã, Liberal e o Diario Ilustrado; do cambio da bandeira branca e azul que xurara defender pola nova verde e vermella e da substitución do himno da Carta pola “Portuguesa”. Estaba claro que non era ese o réxime que un guerreiro e monxe coma el podía defender.
Pouco amigo de andar con evasivas cinco meses despois presentouse de novo no despacho do Ministro da Guerra como un “cidadão oscuro”, cuxa autoridade lle viña da certeza de que “o horizonte que na actualidade se nos oferece, é do desordem, da luta fratricida no interior, é o do expóliação e do desmembramento do exterior” e sen outro mandato que a defensa dos intereses do país. E rematou dándolle un ultimátum de corenta y oito horas para disolver a República e convocar un plebiscito para que fora o pobo quen elexira o réxime do Estado. Esta posición de neutralidade que adopta dende o primeiro momento vai ser decisiva no desenvolvemento dos acontecementos, sobre todo na súa relación co Manuel II e a corte que o acompañaba no exilio de Richmond.
Cando dous días máis tarde chegou ás máns do Ministro a carta que transcribía as súas palabras, o goberno mandouno prender e tres semanas máis tarde licenciouno do exército. Paiva Couceiro aconsellado polo seu sogro, o conde de Paraty, fuxiu para Vigo onde, nos salóns do Hotel Universal, se xuntaban para conspirar os militares e nobres que formaban o estado maior no exilio da Causa da Monarquía. Nacía así o que os monárquicos chamarían a “Galiza” .
Lonxe de ser un farol, este desafío persoal ó rexime “prolongava o mito e permitia-lhe voltar a viver”; ademais, colocávao como” chefe único e supremo da resistência monárquica, independente dos políticos e do Rei….Não precisava (supunha ele) enredar-se nos compromissos e intrigas da emigração. Quem o seguira viria para obedecer” . Isto convertiuno tanto para os emigrados, como para a prensa escrita e o Goberno republicano no Comandante da “Galiza”.

Os paivanes na Galiza: a primeira incursión
Eran tantas as razóns que aconsellaban escoller Galicia coma refuxio territorial onde preparar a loita pola restauración da coroa que ninguén cuestionou esta elección. Un arraigado conservadorismo rural, grande influencia da Igrexa católica nas freguesías, forte control dos caciques locais, redes de contrabandistas eran elementos culturais compartidos . Existían ademais antecedentes desta colaboración mutua ao longo da historia pola tradición guerrilleira das xentes da raia. Tanto na terceira Guerra Carlista (1872-1876) , como na Guerra Liberal, tamén coñecida como “Guerra dos Dois Irmãos (1828-1834). A inauguración en 1886 da Ponte Internacional Tui-Valença e a posta en servizo do ramal internacional entre Valença e a fronteira na liña do Miño, permitían a comunicación en Ferrocarril dende Tui con Porto e Lisboa. Galicia contaba, a maiores, cunha oferta portuaria que facilitaría o transporte das armas adquiridas no exterior. Historia, veciñanza, complicidade coas autoridades locais e provinciais e facilidades de transporte convertíana no territorio máis axeitado para servir de base da contrarrevolución monárquica que se preparaba.
Segundo o plan deseñado por Luis de Magalhães, principal teórico e estratego do constitucionalismo monárquico neste período, existían tres vías posibles para restaurar a monarquía. A primeira, e preferida polo propio Magãlhaes, era un golpe ou pronunciamento militar de tipo convencional . A segunda, pasaría por fomentar unha revolta popular potenciando o descontento dos cidadáns creado polas medidas radicais do Goberno Republicano. Na súa opinión esta vía non só era de difícil execución, senón que podía ter resultados imprevistos. Finalmente a terceira opción era a revolución, combinando un golpe militar cunha explosión da sociedade civil, estratexia defendida por Paiva Couceiro .
O ex-capitán do exército portugués, dada a súa ampla experiencia, sabía moi ben que non ía ser doado levar a bo termo semellante empresa. Precisaba dun pequeno exército de homes preparados, cunha dotación de armamento axeitado para os obxectivos da invasión e, sobre todo, uns servizos de intelixencia que lle proporcionasen información sobre o estado de ánimo da milicia nos cuarteis, do grao de malestar da poboación así como da coordinación imprescindible para o éxito da operación. E todo isto tiña que facerse dende fóra do país, cos escasos recursos de que dispuña a emigración monárquica.
A primeira dificultade para lograr un pequeno exército disciplinado e entrenado estaba precisamente na heteroxeneidade do exilio portugués e a súa disposición ó longo da fronteira. Vigo era sen dúbida a sede do cuartel xeral onde estaba o mando e o Estado Maior . Alí residían a maioría dos nobres e as boas familias de Lisboa e Porto que emigraran tralo triúnfo da República. Os que podían pagar as súas elevadas tarifas estaban hospedados nos mellores hoteis da cidade: Continental, Universal e o Moderno. Eran coñecidos como os pinocas polo resto de emigrados menos afortunados. Unha lista roubada polo espía Abilio Magro daba a seguinte composición da columna de Paiva Couceiro: “54 soldados de artilharía, 30 da marina, 70 de cavalaría, 391 de infantaría e 2 de enxenhería. Ademais 210 curas e frades e 277 civis incluindo a maioria dos pinocas)”. A parte plebea do exército de paivanes estaba formada na súa mayoría, por criados ou campesiños que viñan como mercenarios e sobrevivían grazas aos fondos que aportaba a casa Real e ás contribucións enviadas polos partidarios da monarquía.
Ademais de Vigo había outras vilas e cidades albergaban esta colonia de paivanes. Tui e Monforte de Lemos que, segundo conta a Condesa de Mangualde nas súas memorias, foi a vila que escolleu o seu marido Fernando de Albuquerque antes de trasladarse a Parada de Ventosa . Na provincia de Ourense ademais da capital estaban Verín, onde tiñan a súa base os lexitimistas partidarios de D. Miguel, como o capitán João de Almeida e Xinzo de Limia.
Para evitar crearlle un problema grave ao goberno de España, presidido daquela por Canalejas. “Couceiro tivo que dispersarlos por decenas de vilas e aldeas entre Vigo e Ourense e movelos constantemente”, xa que non estaba permitida a súa concentración nunha única cidade ou vila fronteiriza. Semellante dispersión tamén perseguía dificultar o traballo da morea de espías que os republicanos tiñan desprazados en Galicia. Estes operaban como axentes dobres, infiltrándose entre os paivanes, para completar o seguimento que xa se facía dende os Consulados das principais cidades galegas.
En senso contrario, para as autoridades locais a presenza destes emigrados no seu territorio foi unha sorte de bendición. Era unha nova fonte de riqueza e de oportunidades de negocio para os residentes deses concellos, malia as molestias que ás veces ocasionaban os frecuentes enfrontamentos que se producían entre eles motivados, en moitos casos, pola desconfianza e o medo aos espías ou, simplemente, por rivalidade.
Nesta rede de vilas había tres lugares que con Vigo, xogaron un papel estratéxico nos preparativos da incursión. Trátase de Couso da Limia onde se atopaba o Pazo Telleiro; o Balneario de Mondariz e a vila de Verín. O primeiro deles foi a residencia do mesmo Paiva Couceiro e da súa muller Julia de Noronha nas súas estadías na Galicia. Ademais dunha situación estratéxica para coordinar as tarefas de preparación, a proximidade á raia, permitía ao capitán percorrer a cabalo os terreos que bordeaban a Lagoa de Antela ou penetrar na serra de Larouco, buscando os lugares máis axeitados para refuxiarse, gardar as armas ou onde “vivaquear”. E facelo lonxe da mirada dos carabineiros de Chaves ou da Garda Civil de Verín ou Xinzo de Limia. O pazo era propiedade de Eduardo de Cea y Naharro, membro da Deputación de Pontevedra que foi elexido senador por esta mesma circunscripción electoral polo partido Liberal Conservador. A Condesa de Mangualde defineo nas súas memorias como “un gran amigo e protector dos portugueses, tendo el mesmo sangue portuguesa e estando emparentado cos Bertiandos”.
O Balneario de Mondariz xogou tamén un papel fundamental nos preparativos da conspiración. Era, sen dúbida, o balneario preferido pola nobreza e ricas familias da Galicia e Portugal, o que facilitaba a celebración de reunións sen despertar sospeitas. E foi a tapadeira para que alí se produciran os encontros entre o sogro de Paiva Couceiro e Ruiz Valarino, quen fora ministro da Gobernación con Canalejas. O mesmo Couceiro escribe unhas notas o 4 de setembro de 1911 que recollen o resultado da reunión que ambos mantiveron:
“Instrui-me Valarino de aquilo que eu já sabía, mas que assim me ficou autenticamente confirmado. Da divergência absoluta entre Afonso XIII e Canalejas a respeito de Portugal, divergência que antes deste ultimo Conselho presidido pelo rei em Madrid (31 de agosto) se acentuou terminantemente, querendo Canalejas que no Conselho se preparasse o reconhecimento, e opondo-se o monarca.” .
Despois doutras observacións sobre a coherencia da política exterior de España,”tomou nota daquilo que reputo imprescindível para a execução da entrada, quer, vista grossa para a concentração da nossa gente no momento oportuno, así como para a introdução e transporte de armas e cartuchos (…) e retirou-se declarando que amanhã escreveria sobre o caso a Afonso XIII”. E por último Verín, a vila elexida polos partidarios do príncipe Miguel, tamén coñecidos como legitimistas, entre os que salientaba outro militar con gran prestixio, João de Almeida.
Dotarse de armas e municións era o segundo gran desafío que tiñan que afrontar, e abofé que non sería doado. Primeiro era preciso ter o financiamento necesario para, tal e como se opera no trafico de armas, tiñan quepagarse ao contado. A segunda dificultade era a cuestión loxística para transportar e almacenar as armas nos puntos de concentración das tropas ata o momento da entrada. As condicións e necesidades foran fixadas polo propio comandante nos preparativos da mesma, quen non podía garantir o éxito da operación sen o seu cumprimento: “abastecemento de 5.000 armas, 1.500.000 cartuchos, catro pezas de artillería con 1.200 tiros, unha certa cantidade de cartuchería de infantería e artillería de reserva; un navío con armamento e protección superior aos mellores navíos portugueses e finalmente garantía diplomática de que Alemaña non aproveitaría a loita civil para realizar as súas pretensións anexionistas sobre Angola”.
Na súa correspondencia Paiva Couceiro laméntase en moitas ocasións destes contratempos. Un bo exemplo témolo na carta ó Marques de Lavradio datada no 29/06/1911: “Meus senhores, isto non é sério, e con pessoas que não são serias eu não trato. Pro tanto tenho que declarare-lhes asi que se ate o día 7 do próximo mes de xulho não tiver às minhas ordens o navio nas condições ja explicadas, com 1.200 armas, respectivas munições e dois canhões, nos mesmos termos, abandono o movemento e passo a vida particular”.
Cando faltaba menos dun mes para a data elexida, a situación era tan dramática que se convoca unha reunión urxente para o día 11/09/1911 no Stella Hotel, de Paris. A ela asisten os máximos dirixentes da Causa Monárquica coa excepción do deposto monarca que continúa na súa residencia cedida pola Casa Real Británica: Luis de Magalhães, Ayres de Ornelas e Vasconcelos, João Azevedo Coutinho, Alvaro Pinheiro Chagas, Alberto Pinheiro Torres, Augusto de Magalhães, Conde da Ribeira Grande e o propio Paiva Couceiro. Este, como comandante do operativo, “negasse a dar ordem de entrada em calquera condição diferente das inicialmente acordadas e por esta razón depoe nas mans daqueles de quem recebeu a autoridade de chefe o seu mandato”. Despois dunha intensa discusión acórdase agardar o prazo duns días para que as negociacións financeiras en curso lograsen os fondos precisos para comprar as armas e garantir a manutención dos homes ate o fin de mes. Rematando que “no caso de que os fundos apenas chegaram para todos os elementos agás o navio, o movimento se realizará da mesma forma entrando todalas forças de combate por a fronteira terrestre” , como así aconteceu. O 4 de Outubro de 1911 as tres columnas nas que o comandante dividira os seus efectivos penetraron en Portugal polas localidades de Cova da Lua, Espinhosela e Vinhais no distrito de Bragança, co resultado xa coñecido. Despois de perderse e dar voltas polo territorio tan só lograron tomar a pequena vila de Vinhais.

O Couceiro entra hoxe: segunda incursión
Despois do fracaso desta primeira incursión, Paiva Couceiro ten de novo que afrontar as mesmas trabas para preparar unha segunda. Agora conta con menos tempo, mais coa impagable vantaxe de coñecer os erros que o conduciron ao desastre da primeira . Unha prioridade para o éxito da causa era unir os esforzos de tódolas familias monárquicas. Por iso recibe con satisfacción a petición de incorporar aos lexitimistas que xa estaban en Verín “nos trabalhos da columna”. Máis difícil será convencer á corte que acompañaba ó monarca no exilio. Unha vez máis este desconfiaba do carácter neutral que Paiva Couceiro imprimía ó movemento e non estaba en absoluto de acordo coa convocatoria dun plebiscito. Tampouco confiaba nas pretensións miguelistas .
O pacto de Dover, o 30 de xaneiro de 1912 entre o rei e o seu curmán D. Miguel, onde este lle recoñece a súa lexitimidade, ten un efecto inmediato de achegamento entre as dúas ramas. Nomeadamente, coa Aldegundes de Bragança, condesa de Bardi e quinta filla de D. Miguel, que chegará a ser rexente, durante a minoría de idade do seu sobriño Eduardo Nuño, trala renuncia do seu pai o príncipe Miguel.
Nacida no exilio, tiña en Alemaña e Austria os contactos necesarios para adquirir unha partida de fusís máuser, pistolas e as correspondentes caixas de municións. Era unha muller de carácter que non dubidou en poñerse á fronte dunha caravana de automóbiles para transportar este cargamento dende Luxemburgo ata a fronteira de Galicia con Portugal. Na súa correspondencia Paiva Couceiro dá a entender que a condesa mantiña tamén contactos co propio Alfonso XIII, para suministrar outra partida de fusís, esta vez procedentes do Arsenal de Ferrol.
Os portos de A Coruña e Vilagarcía xogaron un papel importante na loxística para equipar de armas ó exército invasor. Coa complicidade do deputado carlista Llorens e das autoridades locais no porto de A Coruña desembarcouse unha partida da armas con destino figurado a Paraguay que finalmente foi transportada en coches ata o Pazo de Telleiro onde foron agochadas. Non todos os desembarcos tiveron igual sorte. En xuño de 1912 o goberno belga retivo no porto de Zeebrugge o mercante A Voz cun cargamento de armas e homes con destino a Galicia. Algo semellante ocurreu coas armas que transportaba o buque Gemma nas proximidades de A Coruña.
Semellante tráfico de armas foi posible en Galicia pola pasividade, cando non complicidade das autoridades locais, que daban cobertura aos movementos dos conspiradores. Desobedecían así as ordes recibidas do goberno central, obrigado polos acordos de non inxerencia nos asuntos internos. Autoridades como o Gobernador Civil de Ourense ou o alcalde de Porriño tiveron unha destacada participación nestas tarefas.
Esta actitude provocou as protestas do Presidente do Goberno de Portugal Augusto Vasconcellos diante de Canalejas, tal e como De la Torre Gomez, H. (2002) o relata ao analizar as aspiracións Iberistas que Alfonso XIII imprimía á súa política exterior nos anos que precederon a primeira Guerra Mondial.
Na selección de documentos que este profesor incorpora na súa publicación ofrece unha nutrida mostra destas protestas. Diante de Arthur Hardinge, embaixador en Lisboa do goberno británico o seu aliado prioritario.
De facto, ás reclamações sucessivas do Governo da Republica contra as incessantes violações do direito internacional, opõe o Governo espanhol um desprezo constante e permanente, mal disfraçado por dilatórias respostas e pueris simulacros de intervenção”(...) Más a sombra da bandeira espanhola, sem o menor recato nem respeito pelos princípios mais elementares do direito de asilo –que não é certamente o direito á conspiração– e das obrigações de vizinhança, mantém-se uma organização militarizada, comandada na sua maioria por officiais, desertores do exercito português, fazendo contrabando de armas, lançando os mais virulentos manifestos revolucionários, pretendendo revolucionar as populações rurais do norte, insultando e agredindo os portugueses que viajam na Galiza, desde que sejam suspeitos de republicanos, atacando os Consulados da Republica e insultando os cônsules, sem que de todos estes actos de hostilidade e mesmo de agressão ao Governo da Republica, praticados em território espanhol, se tenha obtido ate hoje a menor satisfação. Tamén salienta a calculada ambigüidade da posición británica con relación a Causa da Monarquía en Portugal. Eran os anos previos a gran Guerra Mundial e no deseño da estratexia a seguir polo Foreign Office non estaban claras as vantaxes que podía reportar a elección como aliado dun ou doutro país da península. “Durante moito tempo a súa posición respecto a Portugal estivo explícitamente condicionada polos temores á reacción de España”. Isto non impedía que o seu embaixador en Lisboa mantivera unha actitude crítica coa situación política e as medidas radicais emprendidas polos republicanos. Neste punto coincidía co embaixador de España, Villalobar, menos optimista sobre as posibilidades de éxito da estratexia restauradora dos monárquicos. Na súa opinión as incursións resultaban contraproducentes pois reforzaban a unidade dos republicanos. “Estaba convencido que a mellor política que podían facer os amigos do rei era xogar a baza da espera e permitir que as diversas cabezas da hidra revolucionaria se destruíran entre si, como de feito o estaban a facer con rapidez”.
O tono das protestas diante do Goberno de Canalejas foi, lóxicamente, máis elevado. “Há mais de um ano que dura a aventura dos conspiradores na Galiza. E durante esse ano eu conservo, quer da minha estadia em Espanha, quer verbalmente, quer por escrito, promessas formais do Governo da Sua Majestade, que não consentiria nunca que em Espanha se conspirasse contra o nosso regime. Mais me foi formalmente prometido pelo Governo da Sua Majestade que os Snrs Paiva Couceiro, Jorge Camacho e Alvaro Chagas seriam expulsos do território espanhol (sic)", extraída dunha carta que o propio Vasconcellos dirixía á Presidencia do Goberno español no mes de marzo do 1912. As presións de Portugal obrigaron ás autoridades españolas a ordenar a expulsión de todo os emigrados portugueses que residían na fronteira antes do 28 de xuño. Unha decisión que acelerou os plans da segunda incursión.
Con máis homes, mellor armados e cunha estratexia de concentrar as forzas, á entrada produciuse o día 6 de xullo por Vilar das Perdizes rumbo a Montalegre. Unha vez máis non houbo o esperado levantamento dos partidarios da restauración. Nin nos cuarteis, nin na sociedade civil se produciron os movementos e as revoltas que os contactos do interior anunciaran. A historia recolle polo miúdo algúns episodios desta invasión, mais ningún como a heróica defensa que o destacamento militar alí estacionado e os voluntarios civís republicanos fixeron da cidade de Chaves o 8 de xullo. O combate que comezou ás 8:30 da mañá, desenvolveuse baixo a implacable calor do mes de xullo e durou unhas 6 horas, ata que o comandante se convenceu da imposibilidade de tomar a cidade. Ordenou entón a retirada da súa columna para non sufrir máis baixas. Esta batalla foi con moito a máis cruenta de toda a campaña e a que deu a “Galiza” os seus mártires. A condesa de Mangualde refire nas súas Memorias aqueles terribles momentos: “Em Vigo as famílias dos combatentes passavam momentos de terrível ansiedade. As poucas notícias que chegavam eram vagas e as vezes contradictórias”. En Verín aínda tivo que agardar outros oito días ata que no 16 de xullo viu aparecer o seu home Fernando de Alburquerque que comandaba unha das dúas pezas de artillería que participaron no cerco de Chaves. Viña “tão transformado que o não tinha reconhecido”. Dende entón o 8 de xullo é feriado en Chaves coma homenaxe aos seus heróicos defensores.
O fracaso desta segunda incursión foi o fin da “Galiza” como proxecto para restaurar a monarquía. Así o recoñece o propio HPC no seu manifesto do 28 de Xulho de 1912 “visto que deixamos de existir no papel anterior, entende-se que recebemos baixa de serviço, e compete a cada um prover a sua vida”. Malia que neste manifesto non hai unha análise polo miúdo das causas destes fracasos, incorpora unha interesante reflexión que remata cunha pregunta reveladora das súas contradiccións, pero que é coherente coa declaración que fixo ao ministro da Guerra no seu despacho na primavera de 1911: “E como nós sozinhos, não podemos conquistar Portugal, nem-mesmo que pudéssemos-teríamos direito a faze-lo contra a vontade do mesmo Portugal.” Agora ben, “se a Republica, em contrario daquilo que as apariencias indican, e daquilo que nós julgamos, vai muito bem,…então, se essa hipótese é certa. Ou se todos lá em Portugal a aceitam como certa, qué temos nos que questionar ali?. Reflexión que confirma a teimuda realidade: “a lógica da Galiza se asentava nun equívoco: Couceiro e as suas tropas agardavam o apoio do interior (do pobo e do exército); o interior agardava todo, o casi todo, de Couceiro. Cada um dos lados pensava co outro sería decisivo. Obviamente nengum o foi”

Agora o nunca máis: A monarquía dos 25 días
O desastre das incursións non liquidou a Causa Monarquica, tan só deu de “baixa no servizo” aos partidarios da terceira vía, a que defendía Paiva Couceiro; mentres que Luis de Magalhães prefería o recurso a un golpe militar convencional. Naceron así as “outubradas”. No 20 de Outubro de 1913 João Azevedo Coutinho encabeza un golpe militar que debía estoupar simultáneamente en Lisboa, Porto, Braga e Viana do Castelo. A este novo fracaso seguiu un segundo intento o ano seguinte, cando os golpistas elixen a cidade de Mafra para iniciar a marcha sobre a capital. Apenas unhas horas duraron ambos levantamentos sufocados polas tropas leais á República. O único efecto evidente que tiveron, tal e como pronosticara o embaixador británico, foi reforzar a República devolvendo ó Goberno a súa facción máis radical, o partido Democrático de Afonso Costa.
Liberado das responsabilidades de comandar as operacións da “Galiza”, afastado do rei Manuel e de toda a súa corte, desprestixiado nos cuarteis polo fracaso das incursións, Paiva Couceiro ten agora tempo e distancia para cavilar sobre os grandes desafíos que ten sociedade portuguesa neste primero cuarto do século XX. Resultado destas reflexións foi o seu libro A democracia Nacional (1917). Aínda que o propósito inicial era xustificar a loita armada para restaurar a monarquía, tamén define os requisitos que o novo rexime debería ter. Nesta tarefa é cando se aprecia a forte influencia que as ideas defendidas polo Integralismo Lusitano tiveron neste periodo. A Monarquía Nova que defende xa non ten nada que ver coa constitucional e liberal de 1826, senón que defende un estado autoritario no que o rei e unha democracia orgánica garantirían a liberdade e o benestar dos cidadadáns.
O ano 1918, cando se acerca o final da contenda mundial, foi un tempo moi delicado para a sociedade portuguesa. Catro acontecementos puxeron a proba a capacidade de resistencia do réxime republicano. A estrepitosa derrota do Corpo Expedicionario Portugués (CEP) na batalla de La Lys, na primavera, provocando máis de 7.000 baixas, mostrou ao pobo portugués a cara máis tráxica da súa participación no bando dos aliados. O deterioro da economía e as medidas de austeridade para a poboación que implicaba o finaciamento da campaña militar. A segunda oleada da pneumónica o gripe española a partir do mes de setembro, crearon as condicións para novos intentos de desestabilizar o goberno .
Neste clima os militares, que aspiraban a ter un maior protagonismo na axitada vida política do país, crean as Juntas Militares (JM), unha figura moi semellante ás Juntas de Defensa españolas . Organizadas primeiro por distritos ata a súa fusión en dúas: A do Norte e a do Sur, convertiaríanse nun novo e poderoso interlocutor do Goberno. O Presidente da Republica Nova, o maior Sidonio Paes, foi asasinado na Estación do Rossio cando se dirixía para negociar coa Junta do Norte, que daquela prácticamente se tiña declarado en rebeldía. Apenas transcorrera un ano e 9 días dende a súa chegada ó poder que exercía con grande apoio popular.
Nesta data volve a entrar en escena o capitán Paiva Couceiro. Chamado primeiro a Lisboa polos conspiradores monárquicos, cando alí escoitou os plans do Goberno de Tamagnini Barbosa para remodelalo a cambio de disolver as Juntas e recuperar o control do país, non o pensou dúas veces e colleu o comboio rumbo a Oporto.
Púxose ó fronte da juntinha, chamou aos seus colaboradores da “Galiza” e dende os salóns do Hotel Universal de Porto organizou a contrarrevolución do único xeito que el sabía: pola vía das armas. A data elexida, o 19 de xaneiro de 1919 non podía ser máis oportuna. As tropas leais á Republica, que só dous días antes remataran de sufocar a última intentona golpista dos demócratas radicais en Santarem, estaban de regreso aos seus cuarteis de Lisboa. A inauguración da Conferencia de Paz de París na véspera tería ademais ocupada toda a atención dos medios de comunicación. Unha frase ”Go on! Palavras de el Rei” escrita sobre un memorandum dos conspiradores polo lugartenente de Manuel II, Aires de Ornelas foi o sinal definitivo para dar luz verde a operación. Na mañá do día 19 a Junta Militar de Porto proclamou a Monarquía. E na tarde soleada dese domingo, Paiva Couceiro a cabalo e con uniforme de gala, fixo a súa entrada na explanada do cuartel do Monte Pedral, no mesmo momento no que o maior Saturio Pires lía unha proclama ás tropas que restauraba a monarquía manuelina. Despois de izar a bandeira azul e branca e escoitar o himno da Carta, a comitiva dirixiuse ó edificio do Goberno Civil entre a ledicia e as aclamacións da poboación que ocupaba as rúas. Alí procedeuse a designar unha Junta Governativa provisoria, presidida polo propio Paiva Couceiro que asumiu as funcións de rexente agardando o regreso do rei. Regreso que non se produciría xa que o monarca condenou dende o seu exilio en Richmond este novo intento de a restaurar empregando a violencia.
Non foi o caso de Lisboa, onde as tropas favorables ó monarca, comandadas por Aires de Ornelas, tiveron máis dúbidas diante do forte rexeitamento cidadán co que se atoparon, polo que decidiron facerse fortes na Serra de Monsanto. Alí arrodeadas polos voluntarios civís, a marinería e as tropas leais á República rendíronse o 24 de xaneiro. Este fracaso na capital provocou que durante 25 días o Portugal quedase dividido en dous. O Norte, dende o Miño ata Lamego ou Aveiro onde reinaba a Monarquía a través da Junta Governativa do Reino, e o Sur, onde o novo executivo da Republica presidido por José Relvas, dende a dimisión de Tamagnini Barbosa, mantivo o poder. Declarou o estado de sitio confiando ao xeneral Alberto Ilharco o comando das operacións militares precisas para repoñer a legalidade en todo o país .
Como non había tempo que perder a Junta comezou a gobernar dende ese mesmo día. “Era importante dar ó país a impressão de que a Monarquia restaurada era um governo definitivo e serio”. Durante os 25 días que durou a Monarquia do Norte publicou ata 67 decretos nos dezaseis números do Diario da Junta Governativa do Reino de Portugal, ademais de numerosos despachos e outras instruccións. Restaurar a constitución de 1826 e os seus símbolos: bandeira e himno. Restaurar a dinastía da casa de Bragança na persoa do rei Manuel II e o protagonismo da Igrexa na vida social e política, así como repoñer nos seus postos aos funcionarios represaliados, foron alguns dos asuntos prioritarios. Xunto a estes decretos tamén regulou os días feriados, aboliu o sistema monetario substituíndo o escudo pola moeda antiga, o reis, a impresión de novos selos de correos…
A rendición de Monsanto en Lisboa significaba o fracaso da Causa Monárquica en Portugal e, en consecuencia a consolidación da Republica como forma do Estado ata os nosos días. O propio Paiva Couceiro confesouno uns meses despois.
“Para triunfar necessitávamos duas coisas, em realidade equivalentes: a protecção Internacional e o apoio de Lisboa…perder Lisboa era perder a partida completa. O sabíamos; mais eu houvera resistido ainda. Enton a Monarquia restaurada no Norte, se derrubou côa mesma facilidade e rapidez côa que fora proclamada vitoriosa” .
Finalmente esta guerra civil saldouse coa rendición dos rebeldes en Porto o dia 23 de febreiro ao capitán da GNR Sarmento Pimentel.
Tras varios días fuxindo por as terras de Tras-os-Montes, Paiva Couceiro subiu ó coche que o agardaba en Paredes de Coura. Anoitecera cando tomaron a estrada rumbo a Valença. Fixeron aquela longa baixada en silencio e amodiño, como aconsellaban as moitas curvas e o estado da calzada. Logo tomaron un desvío cara ao Miño onde, segundo o plan acordado, o vehículo foi reducindo a velocidade. Sen deterse, para non despertar sospeitas nos guardinhas fiscais, o comandante abriu a porta, lanzou a maleta e a manta que levaba como única equipaxe, para despois saltar el mesmo sobre a estrada. Alí o estaba agardando o barqueiro que o levaría ata territorio español. Coa fuxida de quen fora o presidente da Junta Governativa do Reino de Portugal durante 25 días remataba o derradeiro intento de a restaurar en Portugal.
Tres lustros despois, os dous militares que tiveron un papel decisivo neste episodio da Monarquía dos 25 días foron desterrados. O capitán João Sarmento Pimentel exiliado no Brasil dende 1927 e o comandante de “Galiza” desterrado en España polo Presidente do Estado Novo o dictador Oliveira Salazar. Paradoxos da Historia.