Galiza, na cabeza e no corazón
Artigo de opinión de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
O 2018 foi un ano ilusionante e contraditorio. Como galega e muller, por exemplo, foi ilusionante ver as rúas do noso país tinxidas de feminismo, de mulleres que nos sumabamos a unha folga para evidenciar que sen nós o mundo non funciona. Saímos ás rúas a deixar claro que estamos fartas de vivir con desigualdade, fartas de violencias machistas, fartas de que nos asasinen por ser mulleres, fartas de cobrar menos por facer o mesmo traballo, fartas de sermos as galegas quen temos salarios e pensións á cola do estado; fartas de que o retrato da pobreza teña rostro de muller. Mais vimos igualmente a resposta patriarcal na sentenza da manada, nas mulleres vilmente asasinadas, na indiferenza ou rutina institucional ante a demanda de igualdade real (onde está a lei de igualdade salarial?) e a necesidade de converter a loita contra violencia machista nunha prioridade política. Sabemos que con minutos de silencio non se combate unha violencia que se exerce todos os días.
O 2018 foi un ano intenso, coa política convertida nunha montaña rusa onde nada é o que parece e todo muda a un ritmo trepidante. Vimos como a corrupción desaloxaba a Rajoy do goberno e como Feijóo, eterno “delfín”, daba a espantada a última hora, temeroso da travesía do deserto que lle espera ao PP. Vimos como Cataluña monopoliza boa parte do debate político estatal. Vimos coa a dereita radicaliza o discurso e se divide en tres cabezas que en esencia defenden o mesmo: máis españolismo, máis involución e menos dereitos e democracia. E vimos como o goberno vasco fai valer o seu peso político e consegue avances e compromisos co seu pobo. A quen non vimos, infelizmente, foi a Galiza.
Repítese coa nosa sociedade a política máis vella de todas: a da discriminación e o agravio, que nos arrastra como país á irrelevancia política. Unha irrelevancia política que ten un custe moi alto para as nosas vidas. Algúns exemplos: mentres rebaixan un 30% as peaxes das radiais madrileñas, en Galiza a AP-9 subirá un 4%. Mentres Euskadi consegue unha tarifa vasca para as súas empresas que lles abarata o recibo da luz, na Galiza Feijóo segue vetando contarmos cunha tarifa eléctrica propia e hai 400 empregos pendentes dun fío en Alcoa. Mentres o Goberno central acelera o seu compromiso co corredor mediterráneo, o compromiso con Galiza fica reducido á acabar as obras do AVE (que chega con 20 anos de atraso) e a cero euros para as cercanías. Mentres a Valencia lle condonan a débeda do Porto, a cidade da Coruña segue vendo como o Estado pretende facer caixa especulando cos terreos do porto interior... Poderiamos continuar, a listaxe de agravios é longa. E hai que dicilo con claridade: desta situación son responsábeis as forzas estatais dun e doutro signo, que demostran coas súas posicións que pasan olimpicamente dos problemas e temas galegos. Galiza precisa gañar protagonismo e peso político, precisa ter axenda política propia, existir politicamente para poñer fin ao espolio, o agravio e o ninguneo a que está sendo sometida. E iso só o podemos conseguir con forzas políticas propias, leais á nosa sociedade e eficaces e dispostas a defender os nosos intereses.
2018 foi un ano, tamén, marcado polo debate sanitario. O mes de agosto sacudiunos co falecemento dunha persoa nun centro de urxencias no que non había persoal sanitario para atendelo. Un feito sen precedentes que deixou en evidencia até que punto a política de recortes sociais está poñendo en risco a vida e a saúde das persoas, e que desencadeou unha resposta social ampla e moi activa, con denuncias dos traballadores e traballadoras dos PAC´s, mobilizacións reclamando máis médicas e pediatras e cun feito excepcional: a dimisión colectiva do 80% dos xefes e xefas de servizo dos centros de saúde da Área sanitaria de Vigo para denunciar que a Xunta de Feijóo ten a atención primaria nunha situación de “miseria".
Diante de todas estas cuestións a resposta do presidente da Xunta foi a soberbia e a prepotencia. Cero autocrítica, cero recoñecemento dos problemas sociais e, cando é necesario, negación da realidade e difamación das e dos profesionais que denuncian os efectos letais da súa política de recortes. O goberno Feijóo é un goberno instalado na post-verdade, nos balóns fóra en facer oposición da oposición, labor para a que conta coa inestimable axuda dunha CRTVG convertida polo PP no seu aparato de propaganda. A TVG e RG son hoxe TeleFeijóo e RadioFeijóo, como denuncian os propios traballadores e traballadores nos venres negros de #DefendeAGalega e nas dúas xornadas de folga que realizaron.
A Feijóo o BNG moléstalle especialmente. Molestámoslle porque o poñemos en evidencia, ao marcarmos unha axenda galega e ao describirmos a realidade incómoda da súa acción de goberno: Feijóo non goberna ao servizo da sociedade galega, decide e actúa ao servizo de Madrid, do seu partido e das grandes empresas vinculadas a el. E fronte a esta realidade da dependencia, da subordinación e da falta de lealdade cos galegos e galegas, no BNG propuxemos e actuamos para buscar acordos amplos de país en beneficio de Galiza. Porque nestes tempos que corren, o máis rompedor é ter a Galiza na cabeza e no corazón. Por iso defendemos tarifa eléctrica, banca pública, unha facenda galega e un novo sistema de financiamento que nos dote de máis recursos para mellorar a sanidade, a educación ou as pensións. Por iso apostamos por políticas de igualdade real, por frear a brecha salarial, por falar da corresponsabilidade ou por destinar un de cada 100 euros da Xunta a loitar contra a violencia machista. Ou por iso queremos coidar o noso medio ambiente, apostar pola xestión intelixente do noso monte e do medio rural e queremos poñer freo á eucaliptización.
O 2018 foi intenso, contraditorio e deixou elementos para a preocupación. Mais tamén para a esperanza. Non temos que resignarnos a este presente precario, que rouba á maioría as certezas vitais que precisamos para poder facer as nosas vidas e desenvolvernos como persoas e como sociedade. A resposta nunca pode ser a resignación, e menos nun país coma o noso, con capacidade e con recursos para saír adiante e garantir emprego, oportunidades e vida digna. No BNG demos o mellor de nós en 2018 para defender os intereses de Galiza e da súa xente, e imos seguir dando o mellor de nós para estar a altura da necesidade de cambio político que a grande maioría social hoxe ten. E imos facelo da única forma en que eu concibo a política: con rigor, seriedade, compromiso e honestidade, centrándonos no importante, en facer da política un instrumento ao servizo das maiorías sociais e presentando as nosas alternativas.
O ano que acabamos de empezar promete ser un ano tan ou máis intenso e complexo que este que xa remata. En maio teremos eleccións europeas e eleccións municipais, e resulta máis que probábel pensar que tamén haberá xerais. No BNG estamos preparadas e preparados. Creo que é recoñecido, mesmo fóra das e dos votantes do BNG, o traballo que facemos. Recoñécese o noso traballo en Europa, con Ana Miranda sendo o altofalante da sociedade galega en Bruxelas. Bótase en falta ao BNG en Madrid, garantía sempre de que o país teña unha voz que o defenda e o poña por diante de calquera outro interese. E recoñécese o noso traballo nos concellos, porque os concellos BNG son modelos de prestixio e referencias de transformación dentro e fóra de Galiza. Desde o rigor, a solvencia e a seriedade do noso traballo político, no BNG estamos traballando arreo neste tempo novo para ampliar este proxecto de portas abertas a quen queira construír un país mellor. Porque esa é a nosa aposta: desde nós, formular para a grande maioría dos galegos e galegas unha proposta de país novo, próspero e xusto, unha Galiza que mude o seu presente e gañe o seu futuro, ao servizo da dignidade de todas as persoas.