Skip to main content

De 2018 a 2019

De 2018 a 2019

Artigo de opinión de Pedro Puy, voceiro do Grupo Parlamentario Popular no Parlamento de Galicia

Galicia pecha o ano 2018, con carácter xeral, na mesma senda positiva que o iniciou. Cun crecemento económico igual ou superior á media de España; en taxas significativamente superiores ás medias da Unión Europea e dos países da OCDE. Coas cifras máis altas da súa historia en producción (en termos de PIB absoluto, e de PIB per capita). E en consecuencia, creando emprego (20.659 novos afiliados á Seguridade Social en Galicia, que entra no 2019 con máis dun millón de afiliados). Cunha tendencia cada vez maior á conversión dos contratos de traballo temporais en fixos; e co dado de que tres de cada cinco persoas que saen das listas de desemprego eran parados de longa duración. A economía, pese a ralentizarse ao igual que a do conxunto dos países da UE, segue a dar signos de fortaleza pola mellora nos fundamentos económicos estruturais que se impulsaron nos últimos anos. como, sen ir máis lonxe, constatan as exportacións: somos a terceira Comunidade Autónoma con maior superávit comercial; e as exportacións medran a unha taxa do 8,6%, mentras as do conxunto de España o fan ao 3,8%.

A creación de emprego e a labor do sector público, moi especialmente o autonómico, permiten ir correxindo as desigualdades que a crise propiciou. Os salarios medran, por fin, a taxas superiores á media nacional: dacordo co IGE, o salario medio anual en 2018 é o máis alto da serie histórica; o incremento foi maior no das mulleres que no dos homes; o crecemento tamén se constata en termos de retribución por hora efectiva; e a suba media total dos salarios foi superior á media española  (o 1,92%, fronte ao 1,78%). Froito dos pactos cos axentes sociais, tanto en España (co anterior goberno popular) como en Galicia, as retribucións dos empregados públicos comenzan a recuperar o poder adquisitivo perdido durante a crise. E, no ámbito social, taxas como as de risco de exclusión social ou a que recolle a existencia de familias con moitas dificultades para chegar a fin de mes continúan a reducirse e aproximarse ás existentes antes da crise.

No ámbito da política o Parlamento de Galicia (que está na media das CCAA no seu custo por representante electo) segue a ser o que máis tempo lle adica ao debate en España: desde que se iniciou a lexislatura en novembro de 2016, foron 618 horas e 16 minutos os adicados ás sesións plenarias. O Parlamento vasco, que iniciou lexislatura nas mesmas datas e que acolle a un número maior de grupos parlamentarios (o que sempre alonga os debates polos turnos de intervención) reuníuse 506 horas e 6 minutos no mesmo lapso de tempo. Preto das 490 horas do Parlamento madrileño, e lonxe das 420 horas e 45 minutos dun Parlamento catalán, no que a oposición ten serias dificuldades para exercer a súa obrigada acción de control do goberno. Xusto ao revés que en Galicia: Do total das 1.117 iniciativas de impulso e control que se levan debatido no noso Parlamento 908, o 81,28%, o foron a iniciativa da oposición. O Goberno galego intervén, de media, 11,8 veces en cada sesión plenaria; e se lle engadimos a presencia do executivo nas diferentes comisións para contestar preguntas ou comparecer, resulta que desde que se iniciou a lexislatura houbo 2,3 presenzas de membros do goberno no Parlamento de Galicia, cada día do ano, festivos incluidos, e desde que empezou a lexislatura ata que rematou o último período de sesións de 2018, para suxeitarse ao control parlamentario. Difícilmente se pode criticar a dedicación do Parlamento galego ao debate; pero menos aínda que a nosa Cámara non dea oportunidades de control e impulso á oposición.

O resultado, xa en termos cualitativos, é tamén positivo. Se o nivel de acordo é un indicativo da saúde democrática da institución parlamentaria, o noso Parlamento obtén unha boa cualificación, pese a ser o único do Estado no que hai unha maioría absoluta e no que, precisamente por elo, o acordo non é necesario para a aprobación das medidas de impulso. Así, do total das 142 iniciativas de impulso (Proposicións non de lei) aprobadas desde novembro de 2016, 64 (o 45%) o foron a iniciativa da oposición. E o 41% do total foron aprobadas por unanimidade do Pleno. O balance en Comisión, onde os focos no alumean con tanta intensidade, é aínda superior: das 338 Proposicións non de lei aprobadas, 204 (o 60%) foron presentadas pola oposición; e o 66% do total foron respaldadas pola unanimidade dos grupos da Cámara.

Algúns dos acordos acadados en sé parlamentaria tiveron e terán especial incidencia no futuro. En primeiro lugar, os relativos á política forestal e prevención de incendios. A comisión especial creada tras os dramáticos incendios forestais de outubro de 2017 para estudar a política forestal e a loita contra os incendios forestais rematou o seu traballo, tras escoitar 60 comparecencias e analizar máis de 50 informes elaborados por expertos universitarios e profesionais do sector. O seu ditame, aprobado en setembro polo Pleno do Parlamento, estableceu 123 recomendacións, concretas, suxeitas ao posterior control parlamentario e con proxección a curto, medio e longo prazo. Inclúense medidas para mobilizar as terras; planificar os usos forestais; reformar a administración (incluidas as políticas de extinción de incendios); e todo elo co obxectivo de optimizar a xestión multifuncional do monte, e protexer a riqueza económica e ambiental que ten nuns tempos de cambio social, pero tamén climático. A ampla maioría coa que foi aprobado e o amplo consenso sobre a maioría das recomendacións avalían a importancia deste documento.

En segundo lugar, o debate sobre o estado da autonomía, en outubro, permitíu a aprobación, tamén con amplas maiorías na maior parte dos casos, de 53 propostas de resolución que marcarán a acción lexislativa e política dos poderes públicos galegos en 2019. Un amplo abano de medidas, que van desde a loita contra a violencia de xénero mediante a aprobación dun Plan galego que lle dea continuidade aos pactos xa acadados nesta sensible materia; pasando polo inicio da programación do Xacobeo 2021; incluíndo avances en todos os servizos públicos autonómicos; e chegando ata o apoio ao noso marco institucional diante dos ataques explícitos que está a recibir desde algunhas institucións públicas autonómicas.

En terceiro lugar, neste caso con disenso pola lóxica natureza do debate orzamentario, o Parlamento autonómico aprobou os Presupostos da Comunidade Autónoma para 2019. Unhas contas públicas que en si mesmas outorgan estabilidade e previsibilidade á acción política en Galicia; que mantendo o cumprimento das regras que garanten a estabilidade financeira e a sostenibilidade do gasto público, reducen o endebedamento da Comunidade Autónoma (en relación ao PIB), manteñen o investimento público autonómico á cabeza do das CCAA, e incrementan o gasto social: en Galicia o gasto per capita en sanidade e educación é superior á media estatal, o que se ve reforzado coas contas aprobadas no mes de decembro.

A Unión Europea e España inician o ano 2019 con novas incertidumes. A evolución das medidas proteccionistas impulsadas pola administración Trump; o Brexit; ou a lenta desaparición das medidas monetarias excepcionais adoptadas polo Banco Central Europeo, no contexto dun ano electoral (renovación do Parlamento europeo) marcado pola auxe dos populismos antieuropeistas condicionarán a evolución das economías europeas. A sustitución das políticas económicas aplicadas pola execución dos orzamentos de España elaborados polo Partido Popular, a ausencia de novos presupostos, e as novas políticas que se están a impulsar a través de decreto, están a xerar advertencias dos órganos independentes de control das políticas económicas (Banco de España, Comisión Europea, AIREF…), que como mínimo piden facer un seguimento específico en relación coas posibles reformas fiscais e o seu impacto nos ingresos públicos e das políticas de gasto (pensións), porque cuestionan o cumprimento do déficit previsto; e un seguimento do posible impacto no mercado laboral de outra decisións impulsadas polo goberno de Pedro Sánchez (salario mínimo, reforma laboral), porque son susceptibles de minorar a capacidade da economía española de reducir o desemprego.

Novas incertidumes, que Galicia pode afrontar con máis optimismo. Grazas ao traballo feito en 2018…. E a que, no 2019, continuaremos pola mesma senda: a da estabilidade política, a do diálogo para a obtención de acordos, a da moderación na acción política fuxindo dos extremismos, e a das reformas para mellorar a eficiencia dos nosos servizos públicos