Skip to main content

Catro décadas de autonomía, unha historia de éxito

Catro décadas de autonomía, unha historia de éxito

Artigo de opinión de Miguel Ángel Santalices Vieira, Presidente do Parlamento de Galicia

A conmemoración dos 40 anos da nosa Autonomía ―o vixente Estatuto foi promulgado o 6 de abril de 1981, mentres que o primeiro Parlamento de Galicia se constituíu o 19 de decembro dese mesmo ano― constitúe unha ocasión acaída para facermos balance arredor dun proceso no que as luces se impoñen ás sombras.

A transición que nos levou da ditadura á democracia, culminada con éxito por persoas valentes sobre a base do diálogo, a tolerancia e as renuncias persoais, situou España, e con ela Galicia, en Europa, no selecto club dos países avanzados, e dotounos dun estado de benestar que para si quixeran noutras latitudes, algunhas ben próximas.

Galicia soportaba o tradicional illamento que, hai pouco máis dun século, levara intelectuais como Risco a tirar da metáfora para denunciar que a nosa terra estaba, en moitos sentidos, máis preto de América ca de Madrid.

A escasa e moi centralizada sanidade pública convivía con menciñeiros, compoñedores e curandeiros.

Estudar era un privilexio vedado para moitos e servizos hoxe universalizados como o teléfono constituían un obxecto de luxo nas nosas aldeas.

O galego é hoxe unha lingua de prestixio e de cultura, protagonista, por igual que o castelán, do bilingüismo cordial que se practica nesta terra. Un tesouro, o noso bilingüismo, que nos conecta cos máis de 500 millóns de castelanfalantes e os máis de 250 millóns de persoas do mundo lusófono.

Hoxe, Portugal é unha prolongación natural de Galicia, e viceversa, deixando atrás rivalidades e desconfianzas.

Estas e outras vivencias, que hoxe permanecen só na memoria dos que superamos o medio século de vida, eran, catro décadas atrás, dramaticamente frecuentes naquela Galicia que poñía en marcha o seu autogoberno.

O tempo transcorrido acredita o acerto daquela aposta. A democracia e o autogoberno sentáronlles moi ben a Galicia e á súa xente, en todos os ámbitos.

Só un dato: no ano 1975, a esperanza de vida en Galicia non chegaba aos 73 anos; en 2020 situábase nos 83,82 anos.

Galicia demostra con feitos o acerto do pacto constitucional que moitos reivindicamos de novo. A experiencia destes 40 anos acredita a plena compatibilidade de conceptos como descentralización, autonomía e constitución, ao exercermos o noso autogoberno con sentidiño, atentos ao sentir da nosa xente e con plena lealdade ás restantes institucións do Estado, desde o alcalde do concello máis pequeno ata o xefe do Estado, a súa Maxestade o Rei Filipe VI.

Fronte aos que cuestionan a utilidade das institucións democráticas e a quen interesadamente trata de desvalorizar o papel dos parlamentos, urxe reivindicar a súa plena vixencia; cos cambios e a posta ao día que resulten precisos en cada momento, mais preservando o seu papel nuclear no sistema democrático, como temos feito nesta Cámara en datas recentes.

Precisamos un Parlamento en contacto permanente coa xente, que escoite a xente, fale como a xente e responda ás necesidades da xente, tamén e moi especialmente ás de quen non se sente de todo identificado coas institucións.

Nestes tempos de crispación xeneralizada, o Parlamento de Galicia converteuse nunha illa de estabilidade, de corrección e de respecto ás boas formas, importantes en calquera ámbito da vida e tamén, polo tanto, na política.

Por fortuna, e malia as dificultades actuais, Galicia transita por sendas de progreso e de oportunidades coas que todas e todos, desde as lexítimas discrepancias, debemos comprometernos.

No pasado —sabémolo ben— houbo intentos de desdebuxar a autonomía galega. A Galicia de entón non o permitiu, como tampouco o permitiría agora, de se dar o caso. Os principios básicos da autonomía e o autogoberno non son nin poden ser xamais contrapartida política na procura de réditos curtopracistas.

Galicia non demanda privilexios, mais tampouco atura aldraxes.

Como dixo Castelao, «Galicia non necesita máis, pero non pode conformarse con menos».