Acción exterior de Galicia: aínda no inicio do camiño
Artigo de opinión de José Luis Méndez Romeu, coordinador do Informe sobre a Política de Acción Exterior para Galicia
As posibilidades de autogoberno que a Constitución brinda ás Comunidades Autónomas son oportunidades de desenvolvemento que cómpre levar adiante por medio da acción sectorial da Administración territorial. Algunhas Comunidades actúan sobre todas as posibilidades que o marco estatutario e constitucional lles permite. Outras non. Por exemplo en Galicia tense renunciado dende o primeiro momento a executar unha Policía propia, prevista no artigo 27 do Estatuto de Autonomía ou a ter unha Acción Exterior ambiciosa por máis que sexa necesaria.
Logo de 37 anos de Administración autonómica hai perspectiva para facer balance. En Acción Exterior houbo dous momentos de impulso. A presidencia de Manuel Fraga, cunha axenda persoal de contactos no exterior moi relevante e cunha visión da importancia desa política sectorial. Durante os seus mandatos asumiuna persoalmente. Entre outras iniciativas creouse a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. No último ano da súa presidencia deixou publicado o “Libro Branco da Acción Exterior”, o primeiro intento de racionalizar e planificar esa política sectorial.
O segundo fito foi a presidencia de Emilio Pérez Touriño, quen promoveu as Delegacións no exterior, revitalizou a Fundación Galicia-Europa e impulsou a creación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial co Norte de Portugal. Deixou publicada a “Estratexia de Acción Exterior de Galicia: 100 reflexións”.
Nos últimos anos esa longa traxectoria en relación coa política exterior da Autonomía ficou relegada. A creación do Consello de Acción Exterior non aportou ningunha iniciativa pero si coñeceu dimisións de persoeiros representativos, o impulso da rede de oficinas comerciais no exterior, PEXGA, en colaboración coa Confederación de Empresarios non tivo os resultados previstos e foi abandonada e a Fundación Galicia-Europa foi practicamente desmantelada. A cooperación con Portugal non avanzou cara á constitución dunha Eurorrexión. O proxecto dunha Macrorrexión con Asturias, Castela-León- Cantabria non ten pasado do nivel de conversas preliminares. Nos últimos meses foi aprobada unha nova Estratexia Galega de Acción Exterior, moi afastada dos documentos dese tipo producidos noutros contextos.
Non é cuestión de laiarse polo que non hai. Cómpre actuar coa perspectiva do que están facendo outros territorios e cunha clara definición dos intereses que Galicia debe defender no exterior. Se no inicio da Autonomía a Acción Exterior podía ser discutida como competencia propia, hoxe está aceptada como necesaria e inevitable. De feito, calquera estrutura empresarial, científica, social, deportiva o cultural, ten presente esa dimensión, porque estamos nun mundo globalizado onde as fronteiras administrativas perderon importancia e sobre todo deixaron de ser límites legais ou marcos de ideas excluíntes.
A política exterior debe existir para defender os intereses globais da Comunidade e os intereses específicos de cada sector da actividade económica, social ou cultural, na Unión Europea e nos outros países onde sexa necesario. As características desa política necesaria poden resumirse do seguinte xeito:
- Grao suficiente de consenso social e político para garantir a continuidade con independencia dos cambios de goberno
- Transparencia nos principios e nas actuacións, como fonte de lexitimidade
- Participativa, coordinando ás entidades con intereses no exterior: poderes locais, organizacións empresariais, universidades, etc.
- Profesionalizada, con estruturas estables
- Con prioridades claras: non é posible facer todo nin estar en tódolos lugares.
- Coordinada coa política estatal e dos diferentes Ministerios: Turismo, Economía, Cultura, etc.
- Cun discurso identificable no exterior, asociado a contidos de éxito, á innovación, á singularidade
Os trazos devanditos deben formar parte dos grandes obxectivos que podemos reducir a catro eixos:
- Internacionalizar a economía e a sociedade. Atraer talento, captar capital, coordinar a estratexia comercial dos principais portos, homologar políticas sociais, educativas, medioambientais cos países de referencia
- Proxectar Galicia no mundo como unha Comunidade singular, con identidade forte, atractiva para investir, traballar, visitar ou vivir. Participar proactivamente na Unión Europea, tecendo unha rede de influencia con outros territorios, presenza nas redes europeas temáticas ou sectoriais, mellorar a imaxe exterior de Galicia
- Facer do coñecemento e da creación elementos característicos. Incrementar o número de estudantes estranxeiros en Galicia, promover a cultura galega no exterior, pulo de deseño e da sua aplicación na industria e no consumo
- Xerar sinerxías entre os distintos actores, integrando as súas visións e necesidades nunha estratexia común, integrar aos residentes galegos no exterior
A política exterior, polo menos nas súas liñas estratéxicas, debería estar fóra do debate partidista, pola súa propia condición temporal pero tamén pola súa cativa incidencia electoral o que permite achegamentos de posicións con menor conflitividade.
O Eixo Atlántico, entidade que agrupa ós 34 maiores Concellos e Deputacións de Galicia xunto coas principais Cámaras municipais do Norte de Portugal, comparte esa visión. É por iso que vén de publicar un Informe, dispoñible en: https://www.eixoatlantico.com/es/servicio-publico/biblioteca, coas aportacións dun panel de expertos en distintos aspectos da acción no exterior, onde reflexións, experiencias e propostas, dan forma a un documento constructivo coa arela de recuperar unha acción ambiciosa, ao nivel dos desafíos que afrontamos hoxe e no futuro inmediato.