O Eixo Atlántico publica o primeiro Plan estratéxico de turismo de fronteira España-Portugal
O documento foi presentado durante o Seminario de Intercambio de experiencias no ámbito do turismo celebrado hoxe en Barcelos
O primeiro Plan Estratéxico de Acción para o desenvolvemento e promoción do turismo de fronteira España-Portugal realiza unha análise das posibilidades da fronteira como destino turístico e inclúe propostas de accións concretas para a promoción conxunta deste territorio.
O plan, que se atopa dispoñible na web do Eixo, busca ordenar o debate e o traballo das rexións implicadas cara ao logro dunha verdadeira coordinación ao redor da proxección da fronteira como destino turístico. Para iso céntrase en catro bases e catro posibles produtos baseados nos principais atractivos identificados no territorio: natureza e turismo de aventura, patrimonio, ríos e zonas termais e enoturismo. Neste sentido, para cada un destes produtos formúlanse propostas de actuación co obxectivo de que cada rexión poida facer súas aquelas que máis encaixen na súa realidade e desenvolvelas segundo os seus intereses.
O documento é froito do traballo realizado por un equipo multidisciplinar dirixido pola ex directora xeral de Turismo da Xunta Carmen Pardo.
O Eixo Atlántico coordina a elaboración deste Plan Estratéxico, no marco do proxecto Destino Fronteira, co-financiado polo Programa INTERREG V-A España - Portugal (POCTEP 2014-2020), no que participan entidades transfronteirizas de toda a raia: AECT Chaves-Verín, AIMRD, AECT ZasNet, Deputación de Salamanca, CEC, Triurbir, Deputación de Huelva e Odiana.
O obxectivo xeral do proxecto europeo Destino Fronteira é implementar unha estratexia de desenvolvemento turístico da fronteira España-Portugal como destino único, integrado e estruturado, baseado en recursos endóxenos compartidos e na especialización intelixente da oferta, e que permita reducir os custos de contexto, diminuír as desigualdades territoriais e promover o desenvolvemento sustentable das rexións de fronteira. O novo lema que representa o programa é “Percórrea, non as cruces”, que se une ao de “Dous países, un destino”, impulsado polo Eixo Atlántico.
SIE turismo, en Barcelos
O plan estratéxico foi presentado no marco do II Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Turismo, celebrado no Museo de Olaria de Barcelos.
Durante esta xornada, os representantes das cidades de Galicia e Norte de Portugal coñeceron tamén experiencia de boas prácticas a nivel europeo na promoción do turismo de fronteira da man de Ana Ladeiras, directora executiva de Around Europe ou os principais datos sobre o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago, grazas ao relatorio de Laura Dopeso, xefa de área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia.
Finalmente, os municipios do Porto, Guimarães, Barcelos e a Eurocidade Chaves-Verín achegaron as súas experiencias sobre a implantación da taxa turística, o enoturismo, o turismo de experiencias e o turismo termal, respectivamente.
Galería de fotos
https://www.eixoatlantico.org/gl/noticias/turismo/o-eixo-atlantico-publica-o-primeiro-plan-estratexico-de-turismo-de-fronteira-espana-portugal#sigProId5c0029f8bd