Skip to main content

O Eixo Atlántico presenta unha proposta para un novo tratado de cooperación entre España e Portugal

O Eixo Atlántico presenta unha proposta para un novo tratado de cooperación entre España e Portugal

Presenta un novo documento a responsables do Ministerio de Negocios Extranxeiros de Portugal e do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación español

O Eixo Atlántico, no contexto da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, presentou aos ministerios de exteriores de ambos os países unha proposta para un novo tratado de cooperación entre España e Portugal que substitúa ao actual Tratado de Valencia.

A proposta para o novo tratado recolle a idea de que as relacións entre España e Portugal, países que comparten a fronteira máis longa e estable de Europa, non poden ser só relacións de estado entre Lisboa e Madrid, senón unha comunicación dual que contemple tamén os intereses dos cidadáns a ambos os dous lados da fronteira.

En concreto, o Eixo busca que o novo tratado reflicta unha verdadeira estratexia integrada para a cooperación transfronteiriza que vaia moito máis alá da mera xestión de fondos europeos. Así, preténdese un cambio de paradigma no marco xurídico, promovendo a mellora dos servizos prestados aos cidadáns e favorecendo a dinámica empresarial, que outorgue un papel máis importante ás intervencións da sociedade civil.

A proposta do Eixo incide tamén na axenda dos Cumes Ibéricos, para que se centre realmente na cooperación transfronteiriza apoiada na Comisión Mixta Luso-Española constituída como órgano de participación institucional das administracións centrais e rexionais. As actuais comunidades de traballo deberán evolucionar cara á súa conversión en órganos de acompañamento e avaliación das iniciativas de cooperación a nivel rexional.

O novo acordo de cooperación deberá converterse en fonte de dereito transfronteirizo, especialmente na creación de entidades con personalidade xurídica, que deben dispor dun réxime xurídico e fiscal propio que atenda á súa natureza de ámbito supranacional. Neste sentido, o novo tratado deberá enunciar os principios e regras xerais de organización e funcionamento das entidades dotadas de personalidade xurídica, habilitándoas para unha actuación transfronteiriza efectiva. Do mesmo xeito, o novo acordo deberá incorporar e simplificar as disposicións xurídico-administrativas para a constitución das AECT (Agrupación Europea de Cooperación Territorial) e a evolución cara a esta figura de entidades con personalidade xurídica existentes.

A proposta  foi elaborada por un conxunto de expertos en cooperación transfronteiriza que analizaron os principais déficits do actual marco xurídico que lastran a cooperación no ámbito administrativo, empresarial, nos ámbitos da investigación e da cooperación institucional ou da propia xestión dos fondos europeos, debido fundamentalmente á ausencia de figuras xurídicas e á obsolescencia do texto aprobado hai 15 anos na fronteira máis dinámica e estruturada de Europa.

O conxunto de entidades que configuran a RIET que preside o alcalde de Viana do Castelo, José Maria Costa, e que integra o ámbito académico, empresarial e municipal, entidade da que forma parte o Eixo Atlántico, leva varios anos reinvindicando a elaboración dun novo tratado que recolla a realidade da fronteira e impulse a cooperación e o desenvolvemento.

A Cumbre Ibérica, celebrada en Vila Real en 2017, aprobou finalmente o inicio dos traballos para a elaboración e discusión dun novo tratado. Apenas oito meses despois a Rede Ibérica e o Eixo Atlántico elaboraron unha proposta que por primeira vez recolle o sentir as necesidades e suxestións dos cidadáns e dos axentes sociais e económicos que desenvolven a súa actividade na fronteira hispano-portuguesa.

Este documento foi presentado polo presidente da RIET e alcalde de Viana do Castelo, José Maria Costa, xunto co secretario xeral do Eixo e da RIET, Xoán Vázquez Mao, esta semana en Lisboa a altos responsables do Ministerio de Negocios Estranxeiros de Portugal como o director xeral de Asuntos Europeos, Rui Vinhas; o secretario xeral do Ministerio, Álvaro Mendonça Moura; a secretaria de Estado para Asuntos Europeos Ana Paula Zacarias e a asesora diplomática do presidente da República, Ana Martinho. Hoxe, mércores, será presentado en Madrid ao director xeral para Europa do Ministerio de Asuntos Exteriores, Juan López Herrera.

Esta mesma semana será enviada oficialmente ao primeiro ministro portugués, Antonio Costa, ao presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, así como á presidenta do Congreso dos Deputados español, Ana Pastor, ao presidente da Asemblea da República, Eduardo Ferro Rodrigues, e aos presidentes do catro parlamentos autonómicos da fronteira.

A RIET

A RIET Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas de Cooperación, é unha asociación transfronteiriza de cooperación territorial, constituída en 2009 por 23 entidades, asociacións de municipios, entidades creadas para a cooperación transfronteiriza, asociacións empresariais e universidades, organizacións de proximidade de fronteira de España e de Portugal, representativa da dinámica de cooperación transfronteiriza en todo o territorio.