Valoración moi positiva do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, á noticia de que ofrecerá 8 frecuencias ao día, prezos máis baixos e mellores tiempos
Luz verde da Comisión Nacional dos Mercados da Competencia á liberalización da liña ferroviaria entre A Coruña e Porto. Unha gran noticia que ademais se produce no Día de Europa e que permitirá que Arriva Spain Rail, S.A. poida operar esa conexión internacional entre Galicia e Portugal. Na resolución, con data 30 de abril, a presidenta María Fernández Pérez e os conselleiros da Comisión conclúen que a entrada de ARRIVA non compromete o equilibrio económico do contrato de servizo público de Renfe Viaxeiros co Estado. Renfe solicitara unha proba de equilibrio económico que conclúe que a incidencia financeira neta da entrada de ARRIVA é moi inferior ao 1%, limiar marcado para aceptar ou non novos operadores en liñas ferroviarias.
ARRIVA comprométese a operar un novo servizo internacional entre A Coruña e Porto, con paradas intermedias en Santiago, Vilagarcía, Pontevedra, Vigo, Valença do Minho e Nine. Serán 337 quilómetros e a intención é poder facelo en 2 horas e 50 minutos. Na comparativa de tempos de viaxe entre os servizos actuais e os servizos de ARRIVA, conclúe o informe que hai diferenzas notables de tempo:
A Coruña-Vigo: Renfe-84 minutos e ARRIVA-76 minutos (-5%)
Santiago-Vigo: Renfe-57 minutos e ARRIVA-48 (-7,7%)
Vilagarcía-Vigo: Renfe-32 minutos e ARRIVA-29 (-9,4%)
Pontevedra-Vigo: Renfe-16 minutos e ARRIVA 15 (-6,3%)
Ademais o servizo proxectado consta de 8 frecuencias os días laborais e 4 os festivos e fins de semana. Consta no informe que, os dous primeiros anos e de forma transitoria, as frecuencias laborais serían 6. A intención de ARRIVA é que o servizo comece en 2020 cando España e Portugal avancen na electrificación total da liña. Operaría ARRIVA o tres liñas declaradas de Obrigación de Servizo Público (OSP) A Coruña-Vigo Guixar, A Coruña-Santiago-Vigo Urzaiz e Ourense-Santiago-A Coruña.
Considera a resolución da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia que isto afectará tamén ao prezo que actualmente se paga. Aínda que a estratexia de redución de prezos de ARRIVA é confidencial.
Conclúe a sala da CNMC que o novo servizo internacional proposto por ARRIVA entre A Coruña e O Porto terá efectos positivos para os usuarios do servizo ferroviario no Eixo Atlántico. Estes beneficios concrétanse en maiores frecuencias e na capacidade deste operador de realizar ofertas intermodais sobre a base das súas redes locais e interurbanas de autobuses. Valoración moi positiva que facía, nada máis avanzar a noticia Radio Vigo, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao no programa "Hoy por Hoy" Vigo.
O pasado mes de setembro,Juan Ignacio García de Miguel, CEO - Managing Director Arriva Spain Holding, e o director xeral Arriva Galicia, Juan Gómez Piña, mantiveron unha reunión co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e Miguel Rodríguez Bugarín, experto asesor en materia de Infraestruturas ferroviarias, para analizar as propostas de colaboración respecto á explotación da liña, agora aprobada.