O evento reuniu a máis de 100 nenos e nenas músicos procedentes de escolas de música e conservatorios dos municipios membros do Eixo Atlántico
Vilalba clausurou este domingo a IX Mostra Musical do Eixo Atlántico tras unha intensa fin de semana na que a vila se converteu nun punto de encontro cultural da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. O Auditorio Municipal acolleu o acto de peche e entrega de premios desta edición, a primeira celebrada na comarca chairega, reunindo durante varios días a mozos e mozas intérpretes de música clásica e jazz procedentes de municipios galegos e portugueses.
A gala de clausura, aberta ao público, contou coa actuación do dúo Xeosmina, formado por Noelia Geada e David Taboada, así como coa proxección dun vídeo resumo das actividades desenvolvidas durante a Mostra.
Un dos momentos máis emotivos do acto foi a homenaxe ao músico portugués António Saiote, referente da música contemporánea portuguesa pola súa traxectoria como clarinetista, director de orquestra e docente, cun destacado labor na formación de novas xeracións de músicos.
Foi durante a gala cando se deron a coñecer os gañadores e gañadoras aos que se lles entregaron os premios da IX Mostra Musical do Eixo Atlántico:
- Categoría Solistas Grupo A: Mafalda Silva Santis, do municipio de Gondomar.
- Categoría Solistas Grupo B: Gil Brito, do municipio do Porto.
- Categoría Solistas Grupo C: João Rosa Lima, do municipio de Gondomar.
- Categoría Solistas Grupo D: Miguel Ribeiro Martins, do municipio de Santa Maria da Feira.
- Agrupamentos de Cámara: Quinteto de Ventos, do municipio de Vila Nova de Famalicão.
O xurado decidiu ademais conceder unha mención honorífica ao solista Romeu Machado Freitas, do municipio de Fafe; ao Grupo de Ventos, do Barco de Valdeorras; e á Minibanda de Sarria.
Na categoría de Agrupacións de Cámara, o premio foi para Quintento de Sopros, de Vila Nova de Famalicão, e o xurado distinguiu cunha mención de honra ao Grupo de Sopros do Barco de Valdeorras. No apartado de Agrupacións Maiores, o galardón quedou deserto e outorgouse unha mención de honra á Minibanda de Sarria.
No acto participaron a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez, quen destacaron a importancia desta iniciativa para fortalecer os vínculos culturais entre Galicia e o Norte de Portugal a través da música e do intercambio entre a mocidade da eurorrexión.
Ao longo da fin de semana, Vilalba acolleu concertos, actividades didácticas, probas musicais e eventos abertos ao público que reuniron a centos de asistentes arredor da música clásica e do jazz, consolidando a Mostra Musical do Eixo Atlántico como unha das principais citas culturais xuvenís da eurorrexión.