Vilagarcía de Arousa reúne ás cidades do Eixo Atlántico para avanzar na protección do mar e na súa integración no desenvolvemento urbano
O proxecto europeo ATLANTIC BRIDGES, liderado polo Eixo Atlántico, está a traballar na definición de propostas para compatibilizar a planificación urbana, a actividade portuaria e a protección dos ecosistemas mariños e fluviais
Vilagarcía de Arousa acolleu unha nova reunión de traballo do proxecto europeo ATLANTIC BRIDGES, liderado polo Eixo Atlántico e financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico, na que participaron representantes das cidades socias da entidade para compartir os avances da iniciativa e formular propostas desde a perspectiva dos territorios. 
O proxecto aborda un dos maiores retos aos que se enfrontan as cidades costeiras: integrar o mar na planificación urbana, conciliando o desenvolvemento urbano, a loxística e a actividade portuaria coa protección ambiental. Esta perspectiva abrangue tamén as localidades situadas nas marxes dos ríos, cuxa conservación é esencial para protexer os ecosistemas que desembocan no mar.
Durante a reunión, Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, salientou a necesidade de ter en conta as consecuencias ambientais de calquera intervención no territorio. Como exemplo, referiuse ao proxecto de Altri e advertiu de que «unha eventual contaminación do río Ulla podería acabar prexudicando a fauna e a flora da ría de Arousa, tal e como xa aconteceu na ría de Pontevedra».
Un proxecto de cooperación internacional
O proxecto ATLANTIC BRIDGES reúne entidades de distintos territorios atlánticos de Europa e conta tamén coa participación de cidades e organismos doutros continentes. Entre eles figuran o Porto de Buenos Aires, que prevé impulsar a revitalización dunha parte do barrio de La Boca, onde se localizaba o antigo porto; o Gabinete do Historiador de La Habana, responsable dos traballos de recuperación da Habana Vella e do seu porto interior, cuxa actividade se trasladou ao porto exterior de Maciel; e a cidade de Tánxer.
O obxectivo final do proxecto é presentar á Comisión Europea un conxunto de medidas que impulsen a protección do mar e dos ecosistemas costeiros, así como unha mellor integración do espazo marítimo, os portos e as cidades. A finalidade é avanzar cara a unha planificación urbana que permita abrir os espazos portuarios á cidadanía e compatibilizar os seus usos económicos e loxísticos coa calidade ambiental e a vida urbana, superando unha relación entre cidade e porto que historicamente non sempre foi doada.
As propostas das cidades para o próximo Comité de Pilotaxe
A reunión de Vilagarcía celébrase como paso previo ao próximo Comité de Pilotaxe do proxecto, que terá lugar os días 9 e 10 de decembro en Irlanda e reunirá os socios dos catro países europeos participantes. Neste encontro presentaranse as propostas formuladas polas cidades do Eixo Atlántico para que poidan incorporarse aos documentos e plans de traballo do proxecto.
A sesión estivo presidida por Paola María Mochales, concelleira delegada de Urbanismo, Mobilidade e Educación do Concello de Vilagarcía de Arousa, e contou coa participación de representantes das cidades socias, do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e de José María Costa, antigo secretario de Estado do Mar de Portugal e antigo presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo, que actualmente coordina o equipo técnico internacional do proxecto.