Vila Nova de Famalicão recibe o IV Torneo do Eixo Atlántico de Boccia, Boccia DI e Boccia BC3
A competición celébrase o 31 de outubro e reúne 150 deportistas de 14 concellos do Eixo Atlántico nunha xornada dedicada ao deporte inclusivo e á cooperación transfronteiriza
Vila Nova de Famalicão acollerá o vindeiro 31 de outubro de 2026 o IV Torneo do Eixo Atlántico de Boccia, Boccia DI e Boccia BC3. A iniciativa terá lugar no Complexo Municipal de Vale São Cosme e contará coa participación de 150 deportistas procedentes de 14 concellos do Eixo Atlántico. 
O torneo constitúe un espazo de encontro e convivencia entre deportistas e comunidades, no que se promoven os valores da inclusión, da igualdade de oportunidades e da participación a través do deporte. A iniciativa reforza tamén a cooperación entre os concellos de Galicia e do norte de Portugal, contribuíndo a estreitar as relacións entre ambos os territorios.
A competición desenvolverase ao longo de toda a xornada, coa fase de grupos a partir das 10.00 horas e a fase eliminatoria ás 14.00 horas.
O deporte como instrumento de inclusión
O IV Torneo do Eixo Atlántico de Boccia, Boccia DI e Boccia BC3 enmárcase no compromiso do Eixo Atlántico coa promoción de políticas e iniciativas que favorezan a inclusión social, a igualdade de oportunidades e a mellora da calidade de vida da cidadanía.
A través do deporte, esta iniciativa pon en valor o talento, o compromiso e a capacidade de superación dos deportistas, ao tempo que promove a convivencia, o respecto pola diversidade e a participación activa de todas as persoas.
A celebración do torneo en Vila Nova de Famalicão volve poñer de relevo a importancia da cooperación intermunicipal na construción dun territorio máis inclusivo, cohesionado e solidario.
Información sobre o evento
- Evento: IV Torneo do Eixo Atlántico de Boccia, Boccia DI e Boccia BC3
- Data: 31 de outubro de 2026
- Horario: 10.00 horas — fase de grupos | 14.00 horas — fase eliminatoria
- Lugar: Complexo Municipal de Vale São Cosme, Vila Nova de Famalicão
- Participantes: 150 deportistas de 14 concellos do Eixo Atlántico
- Entrada: De balde
A entrada é gratuíta e convídase o público a asistir á competición e apoiar os deportistas nunha xornada que celebra o deporte, a inclusión e a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal.