Skip to main content

Ponteareas incorpórase ao Eixo Atlántico

Ponteareas incorpórase ao Eixo Atlántico

“Coa integración de Ponteareas no Eixo Atlántico, a organización gaña un positivo impulso económico, ao turismo e ao termalismo", sinalou o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao

12 febreiro 2021. O municipio de Ponteareas, na provincia galega de Pontevedra, vén de incorporarse ao Eixo Atlántico, unha integración aprobada na Asemblea Xeral do Eixo do pasado mércores, coa que a organización transfronteiriza suma un total de 39 entidades locais.

“Coa integración de Ponteareas no Eixo Atlántico, a organización gaña un positivo impulso económico, ao turismo e ao termalismo. Este municipio, que lidera unha comarca con carácter fronteirizo, contribuirá a reforzar aínda en maior medida o desenvolvemento local conxunto das entidades que conforman o Eixo para traballar xuntas na nova era, en cinco comisión políticas: innovación, sostibilidade, rexeneración urbana, economía e política social”, salientou o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, nun encontro cos medios de comunicación xunto coa tenente de alcalde de Ponteareas, Cristina Fernández.

Ponteareas, na súa dobre condición de cidade e capital da comarca fronteiriza do Condado-Paradanta, representa máis de 54.000 habitantes, que se suman aos 7 millóns de habitantes do Eixo Atlántico entre concellos, deputacións e comarcas. A organización tamén vén de incorporar a Deputación de Ourense e os municipios portugueses de Amarante e Gondomar.