O evento deportivo reunirá a 2.200 participantes de 28 municipios de Galicia e do Norte de Portugal
Entre as principais novidades desta edición destaca a incorporación do voleibol masculino, un avance que permitirá acadar a plena paridade de xénero en todas as modalidades deportivas presentes nos Xogos. Deste xeito, refórzase o compromiso do Eixo Atlántico coa igualdade de oportunidades e a participación equilibrada de rapaces e rapazas no ámbito deportivo. 
Outra das modificacións aprobadas é a eliminación da modalidade de fútbol 7 do programa oficial dos Xogos. Non obstante, está previsto elevar á Comisión Executiva unha proposta para a creación dun torneo específico desta disciplina, tanto en categoría masculina como feminina, que permita manter a súa práctica dentro do calendario deportivo do Eixo Atlántico.
Ademais, a organización acordou reducir a idade máxima de participación aos 14 anos en todas as modalidades, coa excepción das competicións de deporte adaptado. Esta medida busca potenciar a detección temperá de talento e favorecer o desenvolvemento deportivo das xeracións máis novas, fortalecendo o carácter formativo dos Xogos.
A edición de 2026 contará con cinco modalidades deportivas principais:
- Baloncesto (masculino e feminino)
- Balonmán (masculino e feminino)
- Voleibol (masculino e feminino)
- Atletismo e atletismo adaptado
- Natación e natación adaptada
A cerimonia de inauguración celebrarase o día 5 na Praza do Obradoiro ás 18.30 horas, mentres que as competicións deportivas desenvolveranse entre os días 6 e 10, convertendo Santiago de Compostela nun gran escenario de convivencia e intercambio para a mocidade da Eurorrexión.
Con estes cambios, Santiago de Compostela inicia o camiño para converterse no epicentro do deporte xuvenil da Eurorrexión en 2026, reforzando o seu compromiso co deporte inclusivo, a cooperación transfronteiriza e a promoción da mocidade.
Os Xogos do Eixo Atlántico constitúen unha das iniciativas máis emblemáticas da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, promovendo valores como a convivencia, a integración, a igualdade e o intercambio cultural a través do deporte.
Esta actividade enmárcase no proxecto Fénix, cofinanciado polo Programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.
