Skip to main content

O Eixo Atlántico sitúa a vivenda, a inmigración e a loita contra a pobreza como prioridades para 2026

O Eixo Atlántico sitúa a vivenda, a inmigración e a loita contra a pobreza como prioridades para 2026

A XXXIV Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, celebrada na Coruña, aprobou o programa de actuación e o orzamento da entidade.

Durante a reunión abordouse tamén a situación das infraestruturas. Neste contexto, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, referiuse ás recentes declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, realizadas en Porto: “Se a guerra partidaria entra na guerra do tren, nunca haberá tren. Rueda debería enredar menos e traballar máis”.

A XXXIV Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, celebrada no Concello da Coruña, reuniu as 41 entidades que integran a entidade e puxo o foco no acceso á vivenda, os fluxos migratorios e a loita contra a pobreza e a exclusión social. Estes ámbitos consolídanse así como eixes centrais da entidade e marcan a súa axenda de traballo para 2026.

Estes desafíos vertebran o programa de actividades para 2026, aprobado durante a reunión, e orientado a reforzar a cohesión social e territorial nun contexto internacional complexo. O programa articúlase arredor de tres grandes eixes —sustentabilidade urbana, desenvolvemento económico e desenvolvemento social— con especial atención á integración da poboación migrante, á cohesión social e á garantía de condicións dignas de vivenda. O programa aprobado inclúe actividades culturais, educativas e deportivas, xunto con iniciativas de innovación social e turismo policéntrico e de autor.

Entre as prioridades destacan a actualización da Axenda Urbana, o seguimento do Mapa de Infraestruturas e a planificación urbana sustentable, como ferramentas clave para reducir desigualdades e previr situacións de pobreza nos municipios do Eixo Atlántico.

A Asemblea Xeral ratificou tamén o orzamento para 2026, que ascende a 5.538.900,52 euros, así como as contas e o informe de xestión correspondentes ao exercicio anterior. No ámbito internacional, reforzouse a estratexia de cooperación, consolidando relacións con cidades de América Latina, Cabo Verde, México, Cuba e Arxentina, e fortalecendo os vínculos coa AECID e o Instituto Camões.

Infraestruturas

Con respecto á polémica xurdida arredor do atraso das obras do AVE en Portugal, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, manifestou que considera que se trata dun problema puntual derivado da reformulación do traxecto construtivo no trazado de Vila Nova de Gaia e da súa estación. Segundo explicou, a situación é semellante ao atraso producido en España no estudo informativo previo da Saída Sur de Vigo, e non responde a un atraso estrutural da obra por parte de ningún dos dous gobernos. Mao asegura que o proxecto se mantén dentro dos parámetros iniciais, cun posible desfase de arredor de dous anos.

En relación coas declaracións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, realizadas en Porto, o secretario xeral do Eixo Atlántico sinalou: “Rueda o que debería facer é enredar menos e traballar máis. Galicia segue sen un proxecto de tren de proximidade, a diferenza de Euskadi e Cataluña. Ou, por exemplo, a estrada do Barco de Valdeorras á Gudiña, que é competencia da Xunta e que a xente da comarca utiliza para coller o AVE a Madrid, atópase nunhas condicións bastante lamentables”. Engadiu, ademais, que “debería deixar de facer electoralismo cunha obra á que non achegou máis ca verbosidade e marketing propagandístico. Se a guerra partidaria entra na guerra do tren, nunca haberá tren”.

Informe Socioeconómico

Durante a Asemblea, Fernando González Laxe presentou o Informe Socioeconómico 2024, centrado na análise do abastecemento e a seguridade alimentaria nos municipios do Eixo Atlántico. Na súa intervención, destacou a relevancia estratéxica da industria agroalimentaria e pesqueira no ámbito territorial do Eixo Atlántico, subliñando o seu impacto económico e social.

Laxe abordou as principais tendencias alimentarias actuais, con especial énfase no crecente individualismo nos hábitos de consumo, a segmentación do mercado e o aumento da demanda de produtos naturais, de proximidade e con propiedades saudables ou funcionais, así como de alimentos transformados e pratos preparados.

O informe incorpora, ademais, unha serie de recomendacións dirixidas aos municipios para potenciar, reforzar e poñer en valor os produtos de consumo locais, fortalecendo así a competitividade e a sustentabilidade do sector.

Así mesmo, interveu Antón Leis, director da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), quen destacou o valor da cooperación internacional nun momento xeopolítico complexo e o compromiso de España co multilateralismo e o desenvolvemento sustentable. Neste marco, Leis sinalou o importante papel dos gobernos locais como axentes de cooperación e animou ao Eixo e aos seus membros a seguir afondando na relación transfronteiriza e na construción de alianzas e no intercambio de boas prácticas con gobernos locais de países en desenvolvemento.