O Eixo Atlántico presenta as experiencias piloto do proxecto europeo POST para promover un turismo sostible e equilibrado no Espazo Atlántico
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, participará no acto de peche do seminario web europeo «POST Interreg Atlantic Pilot Results and Key Learnings», que terá lugar o vindeiro 27 de outubro. A inscrición está dispoñible na páxina oficial do proxecto POST
O Eixo Atlántico participará o vindeiro 27 de outubro no seminario web europeo «POST Interreg Atlantic Pilot Results and Key Learnings», unha sesión en liña que permitirá compartir os resultados e as principais conclusións de distintas experiencias piloto destinadas a promover un turismo máis sostible, diversificado e equilibrado no espazo atlántico europeo. Consulta o programa completo. 
O encontro enmárcase no proxecto POST (Polycentric Sustainable Tourism), financiado polo programa europeo Interreg Atlantic Area, que durante tres anos traballou no desenvolvemento de estratexias e ferramentas para avanzar cara a un modelo turístico policéntrico, capaz de distribuír mellor os fluxos de visitantes, estender os beneficios económicos a outros territorios e favorecer estadías máis prolongadas.
A sesión comezará ás 11.00 horas (CET) e reunirá experiencias desenvolvidas en Irlanda, Francia, Portugal e España. O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, será o encargado de pronunciar as palabras de clausura, poñendo o broche final a unha xornada de intercambio de coñecementos e presentación de resultados.
A experiencia galega: enoturismo e novas propostas en Ourense
No caso de Galicia, a experiencia piloto desenvolveuse na provincia de Ourense baixo o título «Sensory Wine Tour: A Unique Destination Experience», integrada na marca Sil Wine Xperience. A iniciativa conecta os territorios da Ribeira Sacra e Valdeorras mediante propostas que combinan natureza, benestar e patrimonio, co obxectivo de avanzar cara a un modelo turístico máis diversificado e reducir a estacionalidade.
Os resultados desta experiencia presentaranos Emma González, xerente do INORDE, e Montserrat Cruz, especialista externa da Deputación de Ourense, que compartirán as principais aprendizaxes e oportunidades identificadas durante o desenvolvemento do proxecto.
O encontro permitirá tamén abordar o papel das estratexias turísticas integradas e da cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal como ferramentas para impulsar un desenvolvemento turístico máis sostible, equilibrado e adaptado ás características de cada territorio.
As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina oficial do proxecto POST. A axenda completa do seminario web tamén está dispoñible en liña.