O informe, presentado na Deputación de Lugo, propón novas experiencias arredor do viño, a paisaxe, o patrimonio e a gastronomía para prolongar as estadías, atraer visitantes durante todo o ano e xerar actividade económica nos territorios. Accede aquí ao informe
O Eixo Atlántico presentou na Deputación de Lugo o informe “Propostas de acción para o enoturismo en Galicia e Rexion Norte de Portugal” sobre o potencial do enoturismo en Galicia e no Norte de Portugal, con especial atención a Ribeira Sacra e Valdeorras, dous territorios cunha forte identidade vitivinícola e con recursos paisaxísticos, culturais e gastronómicos, pero con necesidades e oportunidades diferentes. 
Na presentación participaron a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; Montserrat Cruz, coautora do estudo e vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
O estudo propón unha folla de ruta para transformar os recursos vinculados ao viño en produtos turísticos máis completos e comercializables, de maneira que a visita a unha adega poida integrarse coa gastronomía, o patrimonio, a natureza, a paisaxe ou a cultura local. O obxectivo é aumentar o tempo de permanencia dos visitantes, favorecer o consumo de produtos do territorio e xerar actividade económica máis aló dos períodos de maior demanda.
Dous territorios, dúas estratexias
O informe formula estratexias diferenciadas para Ribeira Sacra e Valdeorras, adaptadas aos recursos que fan singular cada territorio.
En Ribeira Sacra, a proposta baséase na combinación de paisaxe, viticultura heroica, patrimonio e recursos naturais. A Denominación de Orixe reúne máis de 96 adegas, máis de 2.000 viticultores e unhas 2.500 hectáreas de viñedo, con 36 adegas visitables. O reto pasa por aproveitar este potencial para ampliar as experiencias vinculadas ao viño e conectalas co resto dos recursos turísticos.
En Valdeorras, o informe identifica como elementos diferenciais o Godello, a calidade dos seus viños e o patrimonio asociado ás covas tradicionais. O estudo destaca especialmente iniciativas como “Valdeorras Oculto”, que pon en valor este patrimonio a través de rutas e experiencias, e propón reforzar a súa programación durante todo o ano para contribuír a reducir a estacionalidade.
En ambos os casos, o obxectivo é converter os recursos vitivinícolas en experiencias turísticas diferenciadas e comercializables, aproveitando a personalidade propia de cada territorio.
Converter o viño nunha experiencia turística
O informe propón ampliar a oferta enoturística para que o viño sexa o punto de partida de experiencias que integren gastronomía, patrimonio, natureza e actividades no territorio.
A folla de ruta formula:
- Crear e comercializar experiencias e paquetes turísticos que combinen diferentes recursos e servizos.
- Distribuír actividades ao longo de todo o ano para reducir a estacionalidade.
- Reforzar a promoción e a identidade dos destinos.
- Incorporar dixitalización, gamificación e novas ferramentas tecnolóxicas.
- Mellorar a formación e o emprendemento no sector.
- Reforzar a cooperación entre administracións, empresas e axentes locais.
A dixitalización permitirá ademais facilitar a información e a reserva de experiencias, así como manter o vínculo co visitante despois da súa viaxe.
Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo, definiu o enoturismo como “unha parte fundamental do noso territorio” e destacou a aposta da Deputación de Lugo por un “turismo experiencial” que permita poñer en valor os recursos propios e aquilo que xa existe no territorio.
“Eu sempre digo que somos privilexiados e, se hai algo que nos caracteriza, é que poñemos á disposición dos visitantes a vida natural do noso territorio. Iso xa é un valor: veñen coñecernos, descubrir a nosa viticultura, saber como elaboramos os nosos viños, que cada vez son máis coñecidos e valorados”, sinalou.
A presidenta da Deputación subliñou tamén a importancia de impulsar estudos e iniciativas que permitan definir novas estratexias para o territorio. “Traballos como este permítennos analizar cara a onde queremos ir e cal é o futuro que queremos para o noso territorio”, afirmou, en referencia ao estudo impulsado polo Eixo Atlántico coa colaboración do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.
Estratexia transfronteiriza: unha oportunidade para os municipios
O estudo analiza tamén o Norte de Portugal para identificar boas prácticas e oportunidades de cooperación, e formula que Ribeira Sacra e Valdeorras desenvolvan produtos propios que, ao mesmo tempo, poidan integrarse nunha oferta enoturística transfronteiriza.
A folla de ruta propón reforzar a colaboración entre administracións e sector privado mediante a creación e comercialización de novas propostas, a promoción conxunta, a dixitalización, a formación e a cooperación territorial. O obxectivo é xerar actividade durante todo o ano e ampliar o impacto do viño na hostalaría, o comercio e o emprendemento local, converténdoo nunha porta de entrada para descubrir o conxunto do territorio.
Unha iniciativa nacida da cooperación
A elaboración do informe parte dunha iniciativa impulsada por Alfredo García, daquela alcalde de O Barco de Valdeorras, co obxectivo de poñer en valor e aproveitar mellor os recursos vinculados á produción vitivinícola tanto en Galicia como no Norte de Portugal.
Ambos os territorios contan cunha importante tradición vitivinícola e producen viños de recoñecida calidade e valoración nos mercados europeos. En Galicia existen cinco denominacións de orixe vitivinícolas e, aínda que nos últimos anos se desenvolveron produtos vinculados ás rutas do viño, o potencial do enoturismo aínda ofrece unha ampla marxe de desenvolvemento.
Neste contexto, hai tres anos unha delegación de municipios vitivinícolas do Eixo Atlántico viaxou a Tokaj (Hungría), unha das rexións europeas de referencia en materia de enoturismo. A visita permitiu coñecer de primeira man o seu modelo de desenvolvemento, analizar boas prácticas e extraer aprendizaxes que puidesen trasladarse e adaptarse á realidade de Galicia e do Norte de Portugal.
https://www.eixoatlantico.org/gl/noticias/eixo-atlantico/o-eixo-atlantico-impulsa-un-novo-enoturismo-entre-galicia-e-o-norte-de-portugal#sigProIdd66c077d7e