O Eixo Atlántico impulsa en Finlandia a súa estratexia de captación de talento dixital para o medio rural no marco do proxecto EDIN
O Eixo Atlántico como beneficiario principal do proxecto EDIN (European Digital Nomads), celebrou en Finlandia unha reunión de traballo do grupo de sete países que lidera, centrada no impulso de estratexias para a captación de talento dixital e o fortalecemento do medio rural a través da innovación tecnolóxica. 
O encontro tivo lugar en Kajaani (Finlandia), no contorno dun dos cinco maiores centros de datos de Europa, onde tamén se sitúa un supercomputador de referencia internacional que presta servizo a varios países do norte de Europa e aos Países Baixos. Este enclave constitúe un exemplo destacado de infraestrutura dixital avanzada e sustentabilidade tecnolóxica a nivel europeo.
A reunión enmárcase no proxecto EDIN, integrado na candidatura de Interreg Europe, que ten como obxectivo identificar, compartir e transferir boas prácticas para a transformación dixital dos territorios rurais e a atracción de talento cualificado cara a estas zonas.
Durante a xornada avanzouse na definición de estratexias conxuntas entre os socios europeos do proxecto, consolidando unha rede de cooperación que o Eixo Atlántico coordina co obxectivo de aplicar solucións innovadoras no rural de Galicia e do norte de Portugal.
Esta reunión dá continuidade a un proceso de traballo que xa incluíu encontros anteriores en espazos singulares como o barco de Valdeorras e na provincia de Lugo, onde se analizaron experiencias piloto e modelos de desenvolvemento territorial que posteriormente foron observados en distintas rexións europeas.
Ao longo do último ano, as delegacións participantes realizaron visitas técnicas a proxectos en Noruega, Irlanda e Italia, experiencias que actualmente están sendo incorporadas e adaptadas a novas iniciativas no Barco de Valdeorras.
O obxectivo común é trasladar ao territorio do Eixo Atlántico solucións xa contrastadas en Europa para favorecer a innovación, a dixitalización e a xeración de oportunidades no medio rural, contribuíndo así á súa cohesión territorial e ao equilibrio demográfico.
Con este encontro en Finlandia, o Eixo Atlántico reafirma o seu compromiso coa cooperación europea e coa posta en marcha de políticas activas que permitan converter o rural nun espazo atractivo para o talento dixital e o investimento en coñecemento.