O acto de apertura da feira terá lugar ás 11 horas do día 11 de setembro, no propio recinto ferial, no Paseo do Malecón
A Feira de Produtos tradicionais do Eixo Atlántico foi presentada hoxe polo Secretario Xeral, o Alcalde do Barco de Valdeorras e a Xerente de Inorde, ante os medios de comunicación, celebrarase esta fin de semana no Concello do Barco de Valdeorras, e contará con 23 produtores de Galicia e Norte de Portugal con produtos moi diferentes, como queixos, marmeladas, aceite, cosmética natural, artesanía galega, miel, etcétera.
O acto de apertura da feira terá lugar ás 11 horas do día 11 de setembro, no propio recinto ferial (Paseo do Malecón), coa presenza das autoridades locais do concello barquense, e estará aberta sábado e domingo en horario de 11:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h.
Esta Feira é un programa do Eixo Atlántico organizado conxuntamente co Barco de Valdeorras, no que tamén participan a Comunidade Intermunicipal de Tras Os Montes e a Cámara Municipal de Famalicão. Este programa insérese dentro das estratexias de loita contra a crise demográfica nos concellos do interior, e reforza o eixo de desenvolvemento Lugo-Ourense-Nordeste trasmontano portugués. O obxectivo deste programa, do mesmo xeito que outras accións que se desenvolverán proximamente, é o de contribuír a fixar poboación nos territorios de baixa densidade poboacional. Este proxecto naceu durante a presidencia no Eixo Atlántico de Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras.