O Eixo Atlántico aproba o segundo paquete de infraestruturas para negociar cos gobernos
Celebra a súa asemblea xeral en Maia, coa participación do ministro portugués de ambiente
A asemblea xeral do Eixo Atlántico, que se celebrou este venres na localidade portuguesa de Maia, aprobou un segundo paquete de infraestruturas que complemente a liña do Minho xa en obras ou en proceso de contratación con prazo de finalización finais de 2019 e as conexións pendentes na parte galega.
Este paquete prioriza a conexión Ferrol A Coruña, a máis atrasada e con peores perspectivas de todo o eixo atlántico ferroviario e as conexións ferroviarias dos portos, como eixos principais en Galicia que complementen a saída sur de Vigo e a “T deitada”, Ourense-Lugo, Monforte-Palencia sobre os cales xa vén traballando con ambos os ministerios desde fai máis dun ano.
No caso concreto do tramo Ourense-Lugo e unha vez que xa están en curso os procedementos para a súa electrificación e supresión de pasos a niveis, así como que en breve se abrirá ao servizo a variante da Pobra de San Xiao exporase ao Goberno as variantes de Monforte Rubián e Os Peares sen as cales non haberá mellora dos tempos.
Na parte portuguesa aprobouse exporlle ao Goberno a conexión de Braga o bypass coa liña do Miño aproveitando a canle que permanece reservado para o tren de alta velocidade o que convertería a Braga en estación de paso cara a Galicia no canto do actual fondo de saco. Tamén se aprobou propor a conexión ferroviaria da liña do Miño co aeroporto Sá Carneiro, e a interconexión da liña do Vale do Vouga coa liña ferroviaria do norte cunha parada no Europarque.
Programa de actuacións
A asemblea do Eixo, que contou coa participación do ministro de Ambiente do goberno portugués, Matos Fernandes, no acto de peche, aprobou o programa para 2018 e un orzamento que ascende a 4.652.722 euros.
Entre as principais actuacións do programa aprobado destacan o desenvolvemento do plan de acción da Axenda Urbana aprobada no Congreso de Braga, que constituirá un excelente catálogo de accións para candidatar aos fondos comunitarios.
Así mesmo acordouse impulsar a través da RIET (Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas), que preside o alcalde de Viana do Castelo e membro do Eixo Atlántico, a elaboración dun novo tratado de cooperación bilateral entre España e Portugal que constitúa un novo marco xurídico para impulsar a cooperación.
Tamén se acordou o impulso á política de cohesión no ámbito europeo a través da Rede C4C (cidades pola cooperación) da que forma parte o Eixo Atlántico. Neste ámbito aprobouse apoiar o desenvolvemento da cooperación transfronteiriza en América Latina a través das organizacións que pediron asesoramento ao Eixo Atlántico: Bripaem, Observatorio de Fronteira Uruguai Arxentina.
Tamén no ámbito das iniciativas estratéxicas impulsarase a adecuación e mellora do Camiño Portugués de Santiago e unha acción concertada co Goberno para loitar contra os incendios.
A asemblea do Eixo elixiu á nova comisión executiva, da que forman parte os seguintes membros:Julia Rodrigues (Mirandela), Domingos Bragança (Guimarães), Rui Moreira (Porto), Hernâni Dias (Bragança), Luisa Salgueiro (Matosinhos) e Ricardo Rio (Braga), como novo preside da asemblea.
Na parte galega a comIsión executiva está integrada por Alfredo García (O Barco de Valdeorras), Abel Caballero (Vigo), Miguel Lores (Pontevedra)-vicepresidente da asamblea-, Xulio Ferreiro (A Coruña), Jesús Vázquez (Ourense) e Lara Méndez (Lugo).
GALERÍA DE FOTOS
https://www.eixoatlantico.org/gl/noticias/eixo-atlantico/o-eixo-atlantico-aproba-o-segundo-paquete-de-infraestruturas-para-negociar-cos-gobernos#sigProIdb4d7ec4731