Este ano, por primeira vez, celebrarase un segundo certame que rotará polas grandes cidades do Eixo Atlántico
Lugo acolle durante este fin de semana a Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico. Esta Feira, situada na Praza Horta do Seminario inaugurouse esta mañá ás 12:00h. Esta é unha iniciativa do Alcalde do Barco de Valdeorras e do Eixo Atlántico, que se enmarca na estratexia de promoción do interior para frear a crise demográfica, mediante o impulso ás actividades económicas que permitan fixar poboación nestes territorios.
Dentro desta estratexia de promoción dos produtos tradicionais que se vén desenvolvendo desde hai uns anos, no ámbito da comercialización celébrase unha feira anual de produtos tradicionais no Barco de Valdeorras, na que participan produtores tanto galegos como portugueses, que cumpran os requisitos de produtos tradicionais de elaboración artesá e que estean inscritos neste programa.
Este ano, por primeira vez, celebrarase un segundo certame que rotará polas grandes cidades do Eixo Atlántico, comezando pola cidade de Lugo. Trátase dunha actividade no marco do proxecto C3D, cofinanciada polo programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP).