Recoñécese a súa achega ao desenvolvemento da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal
O Eixo Atlántico aprobou a concesión das Medallas de Ouro da entidade á actual presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e a José Albino Silva Peneda, presidente da CCDRN en 1995 e ministro do goberno portugués entre 1987 e 1993 pola súa contribución á construción e desenvolvemento da eurorrexión.
Estas medallas entregaranse nun acto solemne que se celebrará o próximo mes de febreiro, coincidindo coa celebración da Asemblea Xeral do Eixo Atlántico no Barco de Valdeorras.
Os galardoados
José Albino Silva Peneda foi presidente da CCDRN en 1995, compartindo a presidencia da Eurorrexión con Manuel Fraga Iribarne. Anteriormente foi ministro de Emprego e Seguridade Social no XI e XII Goberno Constitucional de Portugal entre 1987 e 1993.
Ata a súa recente xubilación foi presidente do Consello Económico e Social de Portugal desde o 22 de decembro 2009 a 1 de maio de 2015, cando renunciou para asumir funcións de asesor do presidente da Comisión Europea, Jean Claude Junker.
Durante toda a súa traxectoria caracterizouse pola defensa dos intereses da rexión norte de Portugal e da cooperación con Galicia, habendo colaborado co Eixo nalgún dos seus informes estratéxicos de maior relevancia.
Isabel Pardo de Vera é a primeira muller que recibe a Medalla de Ouro do Eixo. Enxeñeira de Camiños, foi directora xeral de Explotación e Construción de Adif, ata o seu recente nomeamento como presidenta deste organismo.
Durante a súa etapa como directora xeral foi a artífice da inclusión da liña A Coruña, Vigo, Ourense, O Barco, Palencia na proposta do Goberno español para ser integrada no Corredor do Atlántico, o que finalmente se conseguiu o pasado mes de xuño. Tamén foi a artífice da modernización e electrificación da liña Lugo-Ourense, proposta defendida polo Eixo Atlántico e no momento do seu nomeamento estaba a analizar a proposta do Eixo Atlántico sobre a saída sur de Vigo para determinar a viabilidade da continuación das obras.
Medallas do Eixo Atlántico
As Medallas de Ouro do Eixo Atlántico constitúen o galardón de maior relevo e prestixio no ámbito eurorrexional co que recoñecer a aquelas persoas ou institucións que máis se implican e achegan á construción da eurorrexión e ao desenvolvemento da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.
As medallas outórganse cada dous anos coincidindo con cada unha das presidencias da entidade. O presidente e vicepresidente someten á consideración da Comisión Executiva os nomes para que esta, á súa vez, os traslade á Asemblea Xeral, que é quen as aproba.
Entre os premiados en anteriores edicións atópanse Manuel Fraga, Mario Soares, Gerardo Fernández Albor (xa falecidos) ou o presidente da Comisión Europea Jacques Delors.