Ángel Mato reuniuse hoxe co secretario xeral da entidade, quen le trasladou que a cidade foi a elixida para acoller a Mostra Musical que reúne cerca de 300 estudantes de música
Ferrol é a cidade elixida para ser a sede en 2020 da sétima edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico, un encontro que reúne cada dous anos a cerca de 300 alumnos das escolas municipais de música e conservatorios das cidades membro durante unha fin de semana chea de música clásica e jazz. Así o trasladou o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, despois de manter unha reunión no pazo municipal co secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
O Concello de Ferrol, a través da concellería de Cultura que dirixe Antonio Golpe, e co apoio da concelleira de Turismo, María Teresa Deus, presentou a súa candidatura a principios dese mesmo mes. O obxectivo da mostra, que se celebrará no segundo trimestre do próximo ano, é o de recoñecer, promover, premiar e difundir a práctica da música, apoiando ós músicos intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír á difusión do gusto pola música de Galicia e do norte de Portugal, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico. A anterior edición tivo lugar en maio de 2018 en Vila Real (Portugal), participaron 20 cidades e celebráronse 42 actuacións. Desde a súa primeira edición en 2008, a Mostra Musical do Eixo Atlántico consolidouse como unha das actividades máis emblemáticas e transversais nas áreas de educación e cultura.
Ángel Mato expresou a súa satisfacción pola elección de Ferrol como cidade sede para un encontro, dixo, que servirá para “estreitar lazos con país veciño” e tamén para “facer da zona norte un polo de atracción turístico e presentar nosas potencialidades”, pois, lembrou o rexedor, “os estudantes do noso “foron sempre moi recoñecidos nas citas previas da mostra”. O alcalde sinalou que esta cita supoñerá “poñernos no centro da formación musical”.
Pola súa banda, Xosé Vázquez Mao felicitou ao alcalde pola celebración da próxima edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico e lembrou que foi Ángel Mato quen ao pouco de tomar posesión mostrou a súa firme vontade de presentar a candidatura.
Lembrou que esta nova edición supoñerá poñer a Ferrol no mapa, desenvolver actividades culturais para os asistentes e dar a coñecer a cidade.