Skip to main content

Famalicão acolle o VIII Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Deporte dedicado ao deporte adaptado

Famalicão acolle o VIII Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Deporte dedicado ao deporte adaptado
A iniciativa, promovida polo Eixo Atlántico en colaboración co Município de Vila Nova de Famalicão, celebrarase o 17 de novembro e reunirá representantes de entidades e municipios portugueses e galegos para debater sobre a inclusión a través do deporte. Inscricións aquí

O Município de Vila Nova de Famalicão acollerá o vindeiro 17 de novembro o VIII Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Deporte, unha iniciativa promovida polo Eixo Atlántico en colaboración co Município de Vila Nova de Famalicão, que terá como tema central o deporte adaptado. famalicao recebe seminario do eixo atlantico sobre desporto adaptado 1 3150 1650 f 0 0

O encontro, que comezará ás 09.00 horas na Casa das Artes de Vila Nova de Famalicão, pretende promover o intercambio de coñecementos, experiencias e boas prácticas entre municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal, contribuíndo á reflexión sobre os retos e as oportunidades asociados á promoción e á implantación do deporte adaptado.

O programa comezará cunha mesa redonda dedicada aos retos que implica a promoción e a implantación do deporte adaptado, moderada por Pedro Oliveira, concelleiro de Deportes do Município de Vila Nova de Famalicão. Na sesión participarán Ricardo Sá, do Instituto Português do Desporto e Juventude (IPDJ); Domi Salinas, da Federación Galega de Deporte Adaptado, e António Pereira, da ANDDI Portugal – Associação Nacional de Desporto para Desenvolvimento Intelectual.

Durante a tarde, o seminario dará protagonismo ás boas prácticas municipais en materia de deporte adaptado, coa presentación de proxectos e experiencias desenvolvidos nos municipios de Barcelos, Braga, Valongo, Vilagarcía de Arousa e Vila Nova de Famalicão. As intervencións permitirán coñecer diferentes enfoques para promover a actividade física inclusiva, desde a práctica de modalidades como a boccia ata a implicación dos clubs e o desenvolvemento de proxectos con ambición paralímpica.

A iniciativa inclúe tamén unha visita técnica ao Pavilhão Municipal de Vale de São Cosme, instalación na que se desenvolven actividades de deporte adaptado promovidas polo Município de Vila Nova de Famalicão, que permitirá ás persoas participantes coñecer de primeira man a realidade local.

O VIII Seminario de Intercambio de Experiencias no Ámbito do Deporte constitúe unha nova oportunidade de cooperación e intercambio entre os municipios do Eixo Atlántico, reforzando o papel do deporte como instrumento de inclusión, participación e igualdade de oportunidades.

A participación é gratuíta, pero require inscrición previa obrigatoria. A iniciativa está certificada polo IPDJ, coa concesión de 0,9 unidades de crédito para adestradores deportivos, técnicos de exercicio físico e directores técnicos.

As inscricións e a consulta do programa completo están dispoñibles en www.famalicaodesportivo.pt.

Programa.

Lugar: Casa das Artes de Vila Nova de Famalicão (Pequeno Auditório)
Data: 17 de novembro de 2026
Horario: 09.00 – 15.30 horas