A Asociación de Cidades e Rexións para a xestión sustentable de Recursos é unha rede internacional que comparte o obxectivo de promover o consumo responsable de recursos
Eixoecologia presentou en días pasados, en Dublín, aos socios da Asociación de Cidades e Rexións para a xestión sustentable de Recursos, ACR+, os proxectos que actualmente está a realizar no ámbito da xestión de residuos, como son:
A plataforma de xestión común de residuos domésticos, que actualmente está a desenvolver con seis municipios de Galicia e Norte de Portugal;
Os traballos de elaboración de modelos de pagos para as taxas de xestión de residuos municipais, que permitan a aproximación a un pago da taxa máis xusto e a implantación de modelos de pago por xeración en establecementos comerciais e
Proxectos de cálculo da pegada de carbono, como ferramenta complementaria de axuda á toma de decisións para os municipios
Durante a xornada, Eixoecologia participou xunto a outros socios europeos nos grupos de traballo sobre mecanismos de innovación en xestión de residuos e oportunidades para unha mellor xestión do residuo téxtil.
A Asociación de Cidades e Rexións para a xestión sustentable de Recursos, ACR+, é unha rede internacional de cidades e rexións que comparten o obxectivo de promover o consumo responsable de recursos e a xestión sustentable de residuos urbanos a través da prevención na orixe, reutilización e reciclaxe.
Entre os socios de ACR+ atópase Lipor --entidade responsable da xestión, valorización e o tratamento dos residuos urbanos producidos en oito municipios da rexión do Porto--, coa que o Eixo Atlántico asinou recentemente un protocolo de colaboración co obxectivo de mellorar a xestión dos residuos domésticos nos municipios asociados á entidade.