- O certame está dirixido exclusivamente aos municipios do Eixo Atlántico: poden participar solistas ata 18 anos e integrantes de agrupamentos ata 25 anos
- Os concellos do Eixo Atlántico serán os encargados de inscribir ao alumnado das súas Escolas Municipais de Música ou Conservatorios Profesionais. As inscricións deberán realizarse antes do 6 de marzo
O Eixo Atlántico anunciou a apertura do prazo de inscrición para a IX Mostra Musical, que se celebrará os días 23 e 24 de maio de 2026 en Vilalba, no Conservatorio Profesional de Música e no Auditorio Municipal Carmen Estévez. Cada municipio do Eixo Atlántico poderá realizar ata catro inscricións: dúas quedarán automaticamente confirmadas e as outras dúas estarán condicionadas ao número total de participantes desta edición. O prazo para presentar as inscricións estará aberto ata o 6 de marzo. A presentación do evento tivo lugar en Vilalba e contou coa presenza de Marta Rouco, alcaldesa do municipio; Miguel Fernández, presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Lugo; e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico.

Organizada con carácter bienal desde 2008, a Mostra Musical do Eixo Atlántico celebrouse en diferentes cidades da Eurorrexión e reúne en cada edición entre 300 e 400 mozos e mozas músicos.
Participantes
A Mostra Musical está dirixida a estudantes de escolas de música e conservatorios profesionais de Galicia e do Norte de Portugal, pertencentes a municipios membros do Eixo Atlántico. Os intérpretes solistas poderán participar ata os 18 anos, distribuídos en catro grupos de idade:
- Grupo A: ata 10 anos
- Grupo B: de 11 a 12 anos
- Grupo C: de 13 a 15 anos
- Grupo D: de 16 a 18 anos
Os intérpretes dos agrupamentos musicais poderán participar ata os 25 anos.
Fases do concurso
- Fase previa (23 de maio, sábado): todos os participantes serán escoitados e avaliados por un xurado que seleccionará 12 finalistas.
- Fase final (24 de maio, domingo): o xurado escoitará os finalistas e outorgará os premios.
Premios
- Solistas: de 400 a 1.000 euros, máis a escultura do Eixo Atlántico, segundo o grupo de idade.
- Agrupamento de cámara: 1.500 euros e escultura do Eixo Atlántico.
- Agrupamentos maiores: 2.500 euros e escultura do Eixo Atlántico.
Clausura
A IX Mostra rematará o 24 de maio pola tarde cun programa musical, a entrega de premios e unha homenaxe a un músico da Eurorrexión, no ámbito da música clásica ou do jazz, como recoñecemento do Grupo Temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico á súa traxectoria musical.
Miguel Fernández, presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Lugo: "Para o Eixo Atlántico, a cultura e a educación son tan importantes como as infraestruturas. As obras e proxectos físicos contan, pero non son os únicos".
Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico: " A Mostra Musical xa leva 18 anos e é unha forma de construír Europa nun momento crítico. Facelo en Vilalba, no Eixo Interior, é unha aposta polo territorio que máis sofre os retos demográficos, reforzando a cohesión e apoiando ao talento local".