A innovación e a súa aplicación nas cidades vén de se converter recentemente nunha das comisións políticas do Eixo Atlántico, un piar a impulsar nos próximos anos tras o impacto da pandemia da Covid-19
12 de marzo de 2021. A innovación e a súa aplicación nas cidades, que sempre formou parte das políticas do Eixo Atlántico, vén de se converter recentemente nunha das comisións políticas da organización, un piar a impulsar nos próximos aos tras o impacto da pandemia da Covid-19 nas 39 entidades locais. A innovación nas cidades debe enfocarse de forma estratéxica para dar resposta a curto, medio e longo plrazo ás necesidades e os problemas dos seus habitantes, desde un enfoque nunca experimentado.
“As cidades sempre presentaron desafíos que requiren respostas innovadoras. Por exemplo, ao longo dos anos déronse diferentes respostas ao desafío da mobilidade urbana e ao grao de innovación presente en cada unha, desde a evolución en termos de transporte público ata as plataformas de transporte individuais”, subliña Carlos Sá Carneiro, consultor e experto en innovación.
Os retos en innovación para construír as cidades do século XXI son cada vez máis esixentes e transversais. A madurez tecnolóxica e o acceso a unha maior cantidade de datos e a un maior número de fontes son ferramentas que permitirán acelerar o proceso de innovación, dando respostas máis inmediatas e axeitadas os desafíos das cidades da Eurorrexión e unha mellor oferta de servizos. O Eixo Atlántico, mediante a súa comisión de innovación, promoverá o coñecemento e a transferencia de coñecemento entre territorios, o diálogo entre os distintos axentes e institucións, a cocreación e o codesenvolvemento de solucións para as cidades nos próximos anos.
O desenvolvemento das cidades intelixentes é unha oportunidade única para a innovación. “A pesar de que as cidades adoptan diferentes velocidades e prioridades, mesmo por respecto e adaptación ao contexto, os recursos e a identidade de cada localidade, xa contamos excelentes exemplos de solucións innovadoras. Por exemplo, en materia de sustentabilidade e xestión dos recursos enerxéticos e medioambientais, solucións que promovan unha xestión eficiente da enerxía, a auga ou os residuos. Pero tamén no tocante á participación cidadá ou a dixitalización de algúns servizos”, engade Sá Carneiro.
Algunhas das liñas de traballo nas que se centrarán os esforzos para a innovación nas cidades do Eixo Atlántico son a defensa do medio ambiente, a redución da contaminación e o cambio climático. Para iso, a innovación nas cidades debe dar resposta a problemas dos seus habitantes no eido da saúde, a educación, o apoio social ou a promoción cultural e económica, impulsando a produción de innovación académica, empresarial, social ou cultural e a súa conexión co territorio e o espazo público, a cidade e os seus diversos axentes.
A innovación aplicada ás cidades tradúcese nun incremento da calidade de vida para cidadáns e empresas, que se convirten en axentes do cambio ao percibir o retorno de beneficios a nivel social, cultural, medioambiental e económico. As cidades de Galicia e o Norte de Portugal traballarán para compartir e implementar boas prácticas en innovación que tiveran éxito noutras localidades, comprendendo as diversas asimetrías territoriais e apostando pola complementariedade e a cooperación. “Non todas as cidades teñen universidades ou escolas superiores, incubadoras ou centros de innovación, industrias creativas, un patrimonio cultural atractivo ou un tecido empresarial sólido. Pero traballando xuntos, cunha visión integrada e de medio-longo prazo, é posible lograr bos resultados”, opina o experto.
O Eixo Atlántico traballa desde hai anos para promover a circulación de ideas e proxectos entre os distintos axentes e institucións que o conforman, impulsando a innovación e o emprendemento xuvenil, escolar, social, cultural e creativo e a súa vinculación co territorio, empresas e acceso ao financiamento co obxectivo de democratizar a innovación.
A través do desenvolvemento dunha estratexia e infraestrutura de datos abertos, as 39 entidades locais da Rexión Norte de Portugal e Galicia engadirán información producida desde os seus servizos e organismos en áreas diversas, que abarcarán desde a mobilidade ao turismo, pasando pola actividad comercial, o patrimonio e a cultura.