O deporte é un dos piares esenciais para a saúde física e psicolóxica. Manter unha forma física saudable supuxo un reto para deportistas de todos os niveis, que se tiveron que enfrontar ao confinamento, restricións horarias e de mobilidade neste último ano tras a chegada da Covid-19.
18 de marzo de 2021. A crise que estamos a vivir supón un enorme impacto social e económico tamén no sector deportivo, que viu aprazadas competicións e torneos nos últimos meses. O Eixo Atlántico, a través do seu grupo de deportes, está a traballar para axudar a reforzar a presenza da actividade física e o deporte nos seus municipios.
Axudar na recuperación física, anímica e psicolóxica dos mozos a través da práctica deportiva e fomentar o turismo deportivo para a recuperación económica son os obxectivos principais que persegue o Eixo Atlántico en 2021. En xuño, está previsto que a cidade de Maia reciba a bandeira dos Xogos do Eixo Atlántico como nova sede dá celebración. Este gran evento deportivo tivo que aprazar a súa 14ª edición ata o próximo ano para garantir a seguridade dos 2.000 mozos deportistas que participan nas diferentes modalidades. O Gran Premio de Atletismo do Eixo Atlántico organizarase en Maia este verán, que servirá de aperitivo mentres non chega a edición dos Xogos de 2022. O presidente do grupo de deportes do Eixo e vereador de Deporte do Municipio de Vila Nova de Gaia, Guilherme Aguiar, móstrase optimista ante a recuperación das diferentes actividades deportivas ao aire libre. “Teño a certeza de que imos conseguir un record de participación na próxima edición dos Xogos do Eixo Atlántico. Esperamos atraer a máis de 2.000 deportistas a Maia, e volver bater as cifras que xa se superaron nas anteriores edicións de Braga, Gaia, Porto e Matosinhos, Lugo Sarria e Monforte”, subliña Aguiar.
O maior encontro deportivo entre rexións de Europa é tamén un punto de unión para os mozos. A súa celebración o ano próximo, axudará á recuperación económica grazas ás familias que visitan a rexión acompañando aos deportistas. “É un evento de referencia para nós, que senta as bases para o coñecemento e o entendemento dos lazos que existen entre Galicia e o Norte Portugal. Non só para os deportistas, senón tamén para os espectadores que son os que máis gozan”, engade o presidente do grupo de deportes.
A incorporación de novas cidades e o extra de motivación tras este período de confinamento no que os novos atletas non puideron participar nas competicións habituais, fan prever unha afluencia masiva ás cidades que acollerán competicións deportivas. “O turismo deportivo entre Portugal e Galicia, é unha gran oportunidade para a recuperación económica das cidades. Traballaremos para fomentar a participación de todos os clubs e escolas interesados a partir do 5 de maio, cando desconfinen Portugal”, indica Aguiar. “Gaia, Porto e Matosinhos acollerán o campionato do mundo Finn de vela, última proba eliminatoria para os Xogos Olímpicos Tokio 2021, converténdose noutra das actividades que fomentarán o turismo local e rexional a través do deporte este verán. En xuño, tamén se prevé a organización do Rallyspirit de automóbiles clásicos en Porto”, engade o vereador de Deporte do Municipio de Vila Nova de Gaia.
O Eixo Atlántico continuará tamén traballando no sentido de realizar os seus torneos deportivos: a novena edición do Torneo de Hóckey patíns na Coruña e a terceira edición do Torneo de Taekwondo en Vila Nova de Gaia, en outubro e novembro, respectivamente.