Cultura e Educación son áreas estratéxicas para o desenvolvemento de Braga
Ricardo Río explicou o plan para a Cidade no Global Parliament of Mayors
Ricardo Río asume a Cultura e a Educación como áreas vitais para a estratexia de desenvolvemento económico e social de Braga. O Alcalde, que foi un dos oradores da videoconferencia do Global Parliament of Mayors, defendeu que estas dúas áreas son “alicerces fundamentais” para unha sociedade evolucionada e máis preparada para o futuro. O evento desafiou a responsables políticos e científicos a repensar as cidades e a atopar formas de responder as necesidades dos cidadáns no período post-COVID.
Ricardo Río, que tamén forma parte da Comisión Executiva do Global Parliament of Mayors, sostivo que a Educación está intrinsecamente relacionada co desenvolvemento económico dunha Cidade. “En Braga vemos a Educación non só como unha forma de construír talento, senón, tamén, para atraer talento á Cidade”, destacou o Alcalde para despois explicar que ao longo dos últimos anos o Municipio fixo un investimento considerable nesta área non só en equipamentos e infraestruturas, senón tamén en programas e proxectos desenvolvidos en colaboración coas Universidades e con toda a comunidade escolar. “Desa forma estamos a mellorar as calidades individuais dos cidadáns e conseguimos ofrecer mellores recursos para as empresas que se van fixando en Braga”, dixo.
En canto á Cultura, “un elemento esencial para fomentar a calidade de vida dunha Cidade” Ricardo Río defendeu que “canto mellor é a oferta cultural, máis elevado será o nivel de calidade de vida da poboación”, e encadrou a candidatura de Braga a Capital Europea da Cultura en 2027, dentro do plan de desenvolvemento sustentable para a Cidade no horizonte 2020-2030. “Braga vive e crece do equilibrio entre cultura, economía, inclusión social e medioambiente”, sostivo o Alcalde.
Na súa intervención, o Alcalde alertou da necesidade de “ter equilibrios” no acceso á Cultura e a Educación e que as cidades necesitan combater as desigualdades que aínda se verifican. “Un dos grandes desafíos das cidades é o de combater as asimetrías dos cidadáns no acceso á Educación e á Cultura; por iso, temos que atopar formas de dar mellores condicións ás poboacións para que alcancen os niveis de calidade esperados para estas dúas importantes áreas da sociedade”, subliñou Ricardo Rio sostendo que, neste particular, o feito de que Braga sexa Cidade Creativa da UNESCO na área de media arts, “permitiu conectar a tecnoloxía á Cultura e a varios outros dominios o que nos permite chegar a un maior número cidadáns”.