Skip to main content

Desenvolvemento de actividades innovadoras para a xestión do territorio

A conceptualización de desenvolvemento sostible pode ser analizada, dende o punto de vista histórico, en tres fases. A primeira ata os anos setenta, do século pasado, onde o concepto aparece de forma puntual e indirecta na literatura; a segunda na década dos oitenta na que se revela unha percepción reforzada das compoñentes social, económica e ecolóxica do desenvolvemento sostible e unha última, a partir da década dos noventa onde se afonda neste e se procede á súa aplicación práctica. En 1962, o desenvolvemento social considerábase independente das cuestións económicas, situación que levou o Consello Económico e Social das Nacións Unidas (ECOSOC) a reflexionar sobre a pobreza, recomendando a integración das cuestións económica e social.