Radiografía do caos nas infraestruturas de Lugo: entre promesas e atrasos é a provincia esquecida
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, pregúntanse, en Radio Lugo, onde están os estudos de conectividade que desde hai anos se fixeron públicos, “pero metéronse nun caixón”
A situación das infraestruturas na provincia de Lugo continúa a ser motivo de preocupación. Décadas de promesas incumpridas e prazos adiados fixeron que Lugo siga a ser unha das provincias peor conectadas de Galicia, tanto por estrada como por ferrocarril.
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, advirte de que os anuncios políticos seguen a pesar máis cas obras realmente executadas. Aínda que recoñece que o actual Goberno socialista está a investir máis ca os anteriores —“que investiron cero”—, considera que a visión que se traslada desde a Delegación do Goberno en Galicia é excesivamente optimista e non responde á realidade que vive o territorio.
Un dos exemplos máis evidentes é a autovía Lugo–Ourense. Trátase dunha conexión estratéxica para a cohesión territorial de Galicia que leva anos acumulando atrasos baixo a promesa de avanzar “paso a paso”. Na práctica, Lugo e Ourense seguen a ser as únicas provincias galegas que non están conectadas entre si por autovía.
A isto súmase o malestar pola A-54 cara a Santiago, que continúa sen cumprir os prazos anunciados. Mentres tanto, Lugo depende practicamente só da conexión coa Coruña, e o resto das ligazóns seguen sen un calendario certo de execución.
A Mariña: falta de unidade e peso estratéxico
Outro dos factores que explican o atraso estrutural é a falta de coordinación institucional na Mariña. As divisións internas, os desencontros políticos e os cambios nos gobernos locais impediron articular unha reivindicación común e sólida en materia de infraestruturas. Como consecuencia, a comarca quedou fóra de espazos estratéxicos como o Corredor Atlántico, ao non existir unha posición conxunta clara e defendida con firmeza.
O ferrocarril: unha oportunidade sen planificación clara
No ámbito ferroviario, a estación intermodal de Lugo avanza, pero sen unha estratexia global definida. As actuacións previstas na liña Lugo–Ourense non contemplan alta velocidade, mentres que os estudos das variantes levan anos sen desenvolverse. Tampouco existen plans concretos sobre conexións clave como A Coruña–Ferrol a través de Lugo nin sobre o papel estratéxico do porto seco de Monforte.
Desde o Eixo Atlántico insistimos en que Lugo non pode seguir á marxe das grandes decisións de planificación territorial. Recoñécense esforzos puntuais e a presión constante de responsables municipais, pero os avances son insuficientes fronte ás necesidades acumuladas durante décadas.
Lugo non pide privilexios: pide as infraestruturas que lle corresponden para garantir competitividade, cohesión e igualdade de oportunidades dentro de Galicia e no conxunto do noroeste peninsular.
Escoita a entrevista completa: