Skip to main content

Balance do 2018: parálise que afecta a fractura social

Balance do 2018: parálise que afecta a fractura social

Artigo de opinión de Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do GP socialista no Parlamento de Galicia

Este ano a piques de rematar foi pródigo en acontecementos políticos: desde a formación do Goberno en Cataluña, no seu inicio, que facía presaxiar a continuidade na tensión, ate o inagardado resultado das eleccións en Andalucía, ao final; coas sentenzas de Gürtel, evidencia da corrupción estrutural do PP, que propiciou o cambio de goberno en España, unha oportunidade para avanzar, así como a renovación do liderado no Partido Popular, unha oportunidade para retroceder. E no plano internacional, o agravamento das incertezas, co BREXIT aínda por resolver, despois dun acordo transitorio entre o Reino Unido e a Unión Europea, e a guerra comercial entre EEUU e China, como factores máis destacados dunha desaceleración económica suave.

En Galicia hai pouco que lembrar (aínda que algúns digan que isto ten o seu valor nun mundo turbulento). Non hai iniciativas, medidas ou proxectos en positivo que lembrar da acción de goberno da Xunta de Galicia. O goberno galego comportouse como un surfista, que se limita a aproveitar a cinética das ondas para manterse no poder. Inercia e propaganda, sen dirección coñecida, é o balance. 

Alberto Núñez Feijóo protagonizou unha “espantada” na elección do líder do seu partido. E ademais diso só lembramos a interminable folga da xustiza, a folga feminista do 8 de marzo, os venres negros da CRTVG,  o falecemento dun paciente no PAC de A Estrada e o sarillo de conflitos nun sistema sanitario que apenas resiste aos recortes.

Hai parálise lexislativa. Dos 11 textos legais recollidos na previsión lexislativa para 2018, desde a lei da Administración Dixital de Galicia á lei do Impulso demográfico, por exemplo, non foi rexistrado ningún neste exercicio. Mentres, a chamada lei de acompañamento dos orzamentos introduce modificacións a mais de 25 normas, concentrando nunha única discusión todos os cambios normativos.

A Xunta de Galicia paralizouse porque o seu Presidente preferiu xogar ao catenaccio antes de ter un tropezo que repercutise nas súas expectativas en Madrid; foi un goberno con conselleiros agardando a condena a galeras do sacrificio municipal.

Unha parálise que non permitiu atender debidamente nin á fractura social, nin á xeracional, nin á de xénero nin á territorial, que continúan afondando nas divisións internas en Galicia.

Só un matiz. Despois dos incendios de outubro de 2017 o Parlamento de Galicia creou unha Comisión de política forestal que produciu un ditame foi unha emenda á totalidade da política da Xunta na última década, e unha recuperación apenas disfrazada das iniciativas do  mandato do presidente Touriño. Fixémolo desde o Parlamento, coa participación dos axentes económicos e sociais interesados no monte.