Xoán Vázquez Mao reclama «un pacto de Estado» para garantir o mantemento e a continuidade do sistema ferroviario
Nunha entrevista na Cadena SER Lugo, o secretario xeral do Eixo Atlántico pide rigor na análise dos accidentes ferroviarios e defende que as infraestruturas deben ir acompañadas dun investimento permanente en mantemento e servizos
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, reclamou a necesidade de acadar un pacto de Estado sobre o sistema ferroviario que permita garantir o seu mantemento, continuidade e desenvolvemento á marxe dos ciclos electorais. Nunha entrevista na Cadena SER de Lugo, Vázquez Mao defendeu que as infraestruturas ferroviarias non poden valorarse unicamente pola súa construción ou posta en funcionamento, senón tamén polos recursos destinados a conservalas e garantir os servizos que as conectan co conxunto do territorio.
«Non se pode presumir de que hai máis liñas de AVE de Europa se só te preocupas de poñelas en marcha, pero logo non te preocupas nin do mantemento, nin da continuidade», sinalou. Para o secretario xeral do Eixo Atlántico, a alta velocidade debe formar parte dunha rede de transporte máis ampla, que inclúa servizos de proximidade e media distancia capaces de facilitar o acceso da cidadanía ás estacións e aos principais corredores ferroviarios.
Neste sentido, lembrou que a alta velocidade non pode funcionar de maneira illada. É necesario dispoñer de conexións que permitan aos cidadáns das cidades e territorios que non contan con paradas de AVE acceder ás estacións principais. «Tes que facer unha malla que cubra todo o territorio», afirmou, subliñando a importancia dos servizos de proximidade e media distancia como complemento imprescindible da alta velocidade.
Rigor e prudencia ante a investigación dos accidentes
Durante a entrevista, Vázquez Mao tamén se referiu aos recentes accidentes ferroviarios e pediu prudencia á hora de establecer conclusións sobre as súas causas. Considerou que os medios de comunicación deben actuar con rigor e evitar atribuír responsabilidades antes de que rematen as investigacións.
O secretario xeral distinguiu entre as posibles causas inmediatas dun accidente e as circunstancias técnicas e organizativas que poden ter contribuído a que se produza. En particular, apuntou á necesidade de investigar os sistemas de seguridade e determinar se puido existir algún problema informático, de mantemento, de software ou relacionado con empresas externas.
«As causas poden ser multicausais», lembrou, insistindo en que non se debe reducir a análise a un posible erro individual sen estudar o conxunto de factores que puideron concorrer.
Así mesmo, pediu que os accidentes non se convertan en instrumentos de confrontación política. Na súa opinión, a avaliación das responsabilidades debe contemplar os períodos de mantemento e as decisións adoptadas ao longo de distintos gobernos, dado que as necesidades de conservación dunha infraestrutura ferroviaria de gran dimensión se estenden durante décadas.
Infraestruturas que precisan continuidade
Vázquez Mao advertiu de que construír unha infraestrutura non garante por si só que esta preste un servizo adecuado a longo prazo. Para iso, é imprescindible planificar desde o principio o seu mantemento, dotala de recursos e asegurar a continuidade dos servizos.
O secretario xeral do Eixo Atlántico defendeu que cuestións esenciais para a cidadanía, como o transporte, a educación ou a sanidade, requiren acordos estables que eviten que as decisións estratéxicas queden sometidas á confrontación electoral.
Por iso, concluíu reclamando un acordo de Estado que permita abordar o mantemento ferroviario cunha perspectiva a longo prazo e con criterios de responsabilidade institucional: «Isto non é un partido de fútbol. Isto é gobernar a vida da xente".