O secretario xeral do Eixo Atlántico participou no "Ciclo Inés de Castro", organizado polo Circo de Artesáns da Coruña, cunha conferencia sobre a evolución histórica e os retos de futuro da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal
Xoán Vázquez Mao abordou a evolución das relacións entre ambos territorios, desde a antiga Gallaecia, pasando polos períodos de ditadura e a recuperación da democracia, ata a incorporación de España e Portugal á Unión Europea e a creación do Eixo Atlántico como instrumento de cooperación transfronteiriza. 
Durante a súa intervención, puxo o foco na intensa interrelación económica entre Galicia e a Rexión Norte de Portugal, dous territorios que comparten cadeas de valor e importantes conexións industriais, empresariais, loxísticas e comerciais. Sectores como a automoción, o téxtil e a moda, a alimentación, a metalurxia, o transporte, a enerxía e a tecnoloxía conforman unha economía cada vez máis interdependente.
Neste sentido, destacou a dimensión das relacións comerciais entre ambos territorios, lembrando que en 2024 Portugal representou o 13,9 % das exportacións galegas e foi o principal provedor exterior de Galicia, cun 12,9 % das importacións. Unha relación que se desenvolve nunha Eurorrexión que, en 2023, contaba con aproximadamente 6,4 millóns de habitantes e un PIB conxunto próximo aos 156.000 millóns de euros.
Mao defendeu que Galicia e o Norte de Portugal teñen capacidade para funcionar como un único espazo económico atlántico, con dimensión e potencial para competir internacionalmente. Porén, advertiu de que aínda persisten obstáculos que cómpre superar, como as carencias das infraestruturas ferroviarias, as diferenzas administrativas e fiscais, as dificultades para a mobilidade laboral e a necesidade dunha maior coordinación empresarial e institucional.
A conferencia tamén permitiu analizar os grandes retos da realidade actual da Eurorrexión, con especial atención á súa condición marítima, ao futuro da automoción e á necesidade de mellorar as conexións por estrada, ferrocarril e vía aérea. Entre as propostas abordadas figurou o desenvolvemento dunha liña piloto de proximidade que facilite a mobilidade entre ambos lados da fronteira.
Outro dos eixes centrais foi a evolución do propio Eixo Atlántico e a súa capacidade de adaptación ás transformacións económicas, sociais e políticas das últimas décadas. O secretario xeral repasou os cambios provocados por sucesivas crises internacionais e defendeu a necesidade de seguir renovando os instrumentos de cooperación para responder aos novos desafíos.
Finalmente, Xoán Vázquez Mao incidiu na importancia de implicar a cidadanía na construción da Eurorrexión, entendendo que a cooperación non pode limitarse ao ámbito institucional ou económico. Neste sentido, destacou os tres piares fundamentais do traballo do Eixo Atlántico: a cohesión social, o desenvolvemento económico e a sustentabilidade, con ámbitos de actuación que abranguen a cultura, o deporte, a educación, a inclusión social, o turismo, a demografía, a mobilidade sostible, a descarbonización, a vivenda e a prevención de incendios.
A intervención concluíu cunha reflexión sobre o papel da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal como un paso necesario na construción europea, reivindicando a Eurorrexión como un espazo compartido de oportunidades, cohesión e futuro.