Skip to main content

Ribeira recibe ao alumnado de Felgueiras que participa no programa de intercambio escolar do Eixo Atlántico

Ribeira recibe ao alumnado de Felgueiras que participa no programa de intercambio escolar do Eixo Atlántico

O estudantado da Escola Básica D. Manuel Faria e Sousa de Felgueiras está a desfrutar estes días da súa estadía en Ribeira xunto ao alumnado de 6º curso do CEIP de Olveira, no marco do programa de intercambio escolar promovido polo Eixo Atlántico .

A rapazada foi recibida pola concelleira de Educación de Ribeira, Nucha Brión. Durante a xornada inaugural visitaron a exposición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico no Centro Cultural Lustres Rivas, gozaron de tempo de lecer pola cidade, coñeceron o Museo Municipal e participaron nun paseo comentado polo centro urbano arredor da arte urbana.

Descubrindo o litoral galego e as tradicións locais

Na xornada do xoves 14, o grupo desprázase ao Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para visitar o Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (CIELGA) e experimentar o novo visualizador virtual do ecosistema litoral. A continuación, participan na tradicional Festa dos Maios en Olveira antes de emprender o regreso a Portugal pola tarde.

Un intercambio que reforza a convivencia educativa

Na semana anterior foi a quenda do alumnado ribeirense de viaxar a terras lusas, onde puideron coñecer de preto o peso da industria do calzado na zona, así como visitar espazos de interese cultural como a Vila Romana de Sendim.

Este conxunto de actividades favorece a convivencia, o coñecemento mutuo e o intercambio cultural entre comunidades educativas de distintos territorios, reforzando os vínculos que promove o Eixo Atlántico a través dos seus programas educativos.