Skip to main content

Guimarães recibe ao alumnado da Coruña que participa no programa de intercambio escolar do Eixo Atlántico

Guimarães recibe ao alumnado da Coruña que participa no programa de intercambio escolar do Eixo Atlántico

 A Coruña e Guimarães estreitan lazos estes días no contexto do programa de intercambio escolar no que participan os municipios do Eixo Atlántico, e que este ano leva o alumnado do CEIP de Prácticas ao norte do país veciño para compartir actividades coa rapazada do Agrupamento de Escolas Abel Salazar.

Son 16 as alumnas e alumnos do CEIP de Prácticas que se desprazan esta semana a Guimarães, e devolven así a visita dos escolares portugueses, que a mediados de abril estiveron na Coruña abrindo camiño ao intercambio e coñeceron polo miúdo a urbe herculina, onde desfrutaron dun amplo programa de propostas culturais, cun percorrido polos museos da cidade e enclaves como o Palacio Municipal.

Agora, será o alumnado coruñés o que teña a oportunidade de visitar Guimarães, "unha oportunidade única para fomentar o intercambio de coñecementos, vivir experiencias didácticas e concienciar as novas xeracións da importancia de vivir nunha Eurorrexión que amosa os valores, historia e identidade compartida entre Galicia e Portugal", valorou Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica.

Neste sentido, os concellos da Coruña e Guimarães colaboran con esta iniciativa financiando os gastos derivados dos desprazamentos, estadía e manutención do alumnado participante, así como tamén coas tarefas de organización das visitas e itinerarios en cada unha das cidades.