Skip to main content

O Eixo Atlántico, Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras articulan unha candidatura europea que une enoturismo, prevención de incendios e fixación de poboación

O Eixo Atlántico, Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras articulan unha candidatura europea que une enoturismo, prevención de incendios e fixación de poboación

Neste proxecto participan tamén a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, co obxectivo de avanzar na elaboración dunha candidatura a un programa europeo de accións innovadoras

Esta mañá reuníronse nas oficinas do Eixo Atlántico o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé; o alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán V. Mao; a profesora da Universidade de Vigo, Montserrat Cruz; e a profesora do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Carmen Pardo, co obxectivo de avanzar na preparación dunha candidatura conxunta a un programa europeo de accións innovadoras.

A iniciativa busca articular unha estratexia integrada que combine tres eixes clave para o desenvolvemento territorial: o impulso do enoturismo, a loita contra os incendios forestais e a fixación de poboación en zonas do interior.

Nesta proposta, a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Viana do Castelo desempeñan un papel técnico fundamental. Ambas institucións xa traballaron previamente co Eixo Atlántico en proxectos vinculados á prevención de incendios, ao desenvolvemento do turismo policéntrico e á valorización do turismo de autor nos municipios de Galicia e do Norte de Portugal.

Recuperación do patrimonio industrial

Un dos elementos centrais do proxecto é a recuperación de edificios industriais actualmente en desuso, para reconvertilos nun espazo multifuncional orientado á innovación, á formación e á dinamización socioeconómica. Este espazo serviría como punto de encontro para iniciativas vinculadas ao enoturismo sostible, á xestión forestal preventiva fronte a incendios e ao desenvolvemento de estratexias de fixación de poboación en zonas do interior.

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, afirmou que: “Esta candidatura baséase na idea de que o monte arde cando non está coidado, e non está coidado cando non está habitado".